Pamela Fernández: "O negativo foi un alivio, xa quería traballar outra vez"

A enfermeira e concelleira en Chantada superou o Covid-19 e volveu ao seu posto no hospital
Pamela Fernández, en un pleno. AEP
photo_camera Pamela Fernández, en un pleno. AEP

Segundo fontes consultadas, actualmente quedan doce casos positivos de Covid-19 en Chantada. Pamela Fernández Águila xa non está entre eles. Enfermeira e concelleira polo PP no municipio, logo de superar o coronavirus di sentirse aliviada, xa no seu posto de traballo no hospital comarcal de Monforte.

No seu caso, a enfermidade non significou síntomas graves. Tampouco derivou nunha pneumonía. "Tiven unhas décimas de febre e catarro. Pasei o confinamento na casa co meu home. Durou 14 días", relata a sanitaria, que exerce a sua profesión en Traumatoloxía. Hai unha semana que volveu ao seu posto de traballo.

"Estou aliviada. Aínda que estiven moi tranquila durante o confinamento, o certo é que me apetecía volver. Fai falta xente para traballar e estou contenta de estar de novo cos meus compañeiros", indica Pamela Fernández, que ten moi claro que foi o peor da infección. "O que máis pánico me producía era contaxiar á miña familia", sentencia.

Sobre o futuro, Pamela Fernández ten claro que a crise pasará. "Sairemos desta reforzados. Agardo que aprendamos disto para o futuro, sobre todo no que respecta á sanidade", comenta. Desde a súa posición de concelleira, pois é a responsable da área de turismo en Chantada, envía unha mensaxe de ánimo. "Son consciente de que pasamos por momentos difíciles e, por desgraza, tivemos que lamentar que un veciño noso finou. Aínda así, non podemos perder a esperanza", di Pamela Fernández.

A enfermeira ten palabras tamén para o sector hostaleiro e comercial de Chantada, un dos máis afectados pola crise sanitaria ao ter que cesar a súa actividade. "Van vir tempos difíciles. En canto a situación se normalice teremos que apoiar moito os negocios de proximidade e apostar claramente por eles para axudarlles nunha recuperación que vai ser longa", asegura. Pamela Fernández conclúe cunha mención aos profesionais do hospital. "En Monforte a carga asistencial é máis baixa ca noutros lados e penso que lle temos que estar agradecido ao persoal polo seu traballo", asegura.