Paderne do Courel recupera a Festa da Cantarela

Será o vindeiro 9 de xullo co obxectivo de exaltar un dos cogomelos de maior valor comercial e gastronómico
Unha edición anterior da Festa da Cantarela de Paderne do Courel. AEP
photo_camera Unha edición anterior da Festa da Cantarela de Paderne do Courel. AEP

Paderne do Courel recuperará a vindeiro 9 de xullo a Festa da Cantarela, que vivirá a súa terceira edición co obxectivo de exaltar este produto, un dos tipos de cogomelo de maior valor comercial e gastronómico pola súa calidade e amplas posibilidades no sector da cociña.

O programa comezará ás 10.30 horas cunha ruta guiada por itinerarios naturais da contorna. A saída será no propio centro de Paderne, na aira do Quintairo. De 13.00 a 13.30 horas producirase a inauguración e festa.

Ás 13.30 horas haberá unha degustación popular de tapas elaboradas con cantarelas a prezo económico, preparados nas casas rurais do lugar e coa colaboración do cociñeiro Héctor López, do restaurante España, de Lugo.

De 16.00 a 17.00 horas terá lugar unha representación de instrumentos de música de raíz con Xavier Blanco. Ademais será presentada a fundación Legar, para preservar este tipo de arte. A partir das 17.00 horas farase un paseo ao alvar rehabilitado do Val Maior.

Máis datos

Todos estes actos estarán amenizados pola música popular da Foliada de Bosende. A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel e o Concello de Folgoso do Courel son os organizadores da festa.

Outras metas do evento son poñer en valor e dar a coñecer un recurso e aproveitamento asociado ao territorio, as súas características e múltiples posibilidades; e tamén promocionar, a través dun acto festivo turístico, o coñecemento da comarca e os seus valores naturais e culturais.

Comentarios