Os Magariños de Chantada

Entre 1904 e 1922 chegaron á vila do Asma catro obras do escultor santiagués Maximino Magariños. En todos os casos a poboación celebrou e demostrou de xeito público fervor polas tallas e admiración polo seu autor

SAN PASCUAL BAILÓN (PROGRESO)
photo_camera San Pascual Bailón. A. PARDO

Quixo o artigo 112 do regulamento da sección Adoradora Nocturna de San Salvador de Asma e a determinación do consello directivo adquirir en 1904 unha imaxe de San Pascual Bailón "procedente dos acreditados talleres do coñecido escultor santiagués Maximino Magariños". A imaxe de 1,20 metros de altura chegou o 9 de xullo e foi exhibida na casa de Cándido Fernández, desfilando o pobo en masa e aplaudindo a obra.

O domingo 10 levouse procesionalmente á parroquia de Asma "por 120 adoradores precedidos polo doutor e capeláns das cinco quendas: Miguel Paz, Camilo Rodríguez, Antonio Froiz, Juan Bautista Balboa e Lorenzo González". Asistiu bandeira e música e tras solicitalo o párroco "as casas do tránsito ostentaban vistosas e variadas colgaduras". Os disparos de bombas xuntáronse co son das campás que repicaban conxuntamente desde as torres das igrexas de Asma e Santa Mariña.

Nunha noite de marzo de 1912 celebrouse no salón capitular do Concello de Chantada una velada artístico-literaria organizada polas mulleres da Venerable Orde Terceira (V.O.T.) correspondente á Confraría dos Comerciantes. A sala foi "convertida nunha taciña de prata. Luces, mirtos, flores e gasas ofrecían á vista un belo cadro que completaban encopetadas damas e belas señoriñas". A súa finalidade era recadar fondos para adquirir unha imaxe procesional de Semana Santa: o grupo escultórico O abrazo de San Francisco.

Ás sete da tarde non había un asento baleiro, pero si moita impaciencia. Anunciouse o acto desde a mesa presidencial ocupada polo sacerdote Eduardo Fernández Beján, mentres as irmás María e Elvira Soto Lemos (fillas do banqueiro Benito de Soto) empezaban a tocar no piano A Lisboa. Despois interveu o novo secretario xudicial, Julián Beato Hernández.

No ecuador da velada católico-literaria á que se asistiu por invitación "xurdiu a rifa e choveron as moedas como pan bendito. Rifábase un precioso coxín bordado por Lola Gómez", din as crónicas.

Poucos meses pasaron tras aquela velada e o 30 de xullo de 1912 Chantada recibiu "a emocionante obra de inimitables exquisiteces artísticas confeccionada e modelada, por encargo de distinguidas damas da localidade, nos famosos e acreditados talleres do inspirado e xenial artista galego Maximino Magariños".

Organizouse unha procesión que segundo as crónicas da época "estivo presidida polo culto e infatigable Padre Ramón Buide que, de paso de Santiago de Arriba, onde pronunciou un elocuente discurso en honra da Nosa Señora do Perpetuo Socorro, atópase nesta vila. Foi conducido ao templo no medio da admiración dun pobo que bendicía a Deus e aos homes que tamén saben trasladar ao madeiro as máis culminantes e poéticas escenas da nosa relixión, única capaz de proporcionar aos artistas triunfos tan colosais como o alcanzado polo señor Magariños nesta a súa recente obra".

As principais organizadoras do acto, Luisa López de Valolós e Lola Gómez, atopábanse entre o número público. "As bágoas que de non poucos ollos se deslizaban, o fervor da maioría e a sentida arenga do Padre Buide deron unha nota de esperanza nestes días de indiferenza glacial e exótico escepticismo, ben haxa Chantada cos seus pasos de xigante pola senda do progreso e da cultura relixiosa!".

OS ÚLTIMOS. O 22 de maio de 1922 o Bispo Plácido Ángel Rey Lemos outorga o permiso de establecemento en Chantada da Orde da Penitencia de Jesús Nazareno de Chantada, autorizando o funcionamento do seu oratorio público o 5 de decembro do mesmo ano. A comunidade estableceuse vinte días despois e custodiou na súa sede o Jesús Nazareno coa cruz ao lombo e a virxe da Dolorosa.

A Orde celebrou o bicentenario do nacemento do fundador o 11 de decembro de 1923 colocando unha placa conmemorativa na súa casa natal de Brigos. Segundo o sacerdote Daniel Castro Rebollo "as dúas obras foron adquiridas entre 1923 e 1927 xa que a Igrexa realizou os últimos pagos á viúva de Magariños". Despois da súa disolución en 1934, as dúas obras repousan na igrexa de Santa Mariña, en Chantada.

Comentarios