Once voluntarios súmanse en Brollón ás escavacións no castro de Cereixa

O obxectivo deste ano é ampliar a zona de escavación que se estende dende a ábsida da ermida e a muralla do castro
undefined
photo_camera Os voluntarios comezaron a traballar onte en Cereixa. EP

O castro de San Lourenzo, na parroquia de Cereixa (A Pobra do Brollón), estreou onte a cuarta edición do seu campo de voluntariado. Participan once persoas procedentes de distintos puntos de Galicia, Andalucía e País Vasco.

Este grupo de voluntarios servirá de apoio á sétima campaña de escavacións desenvolvida no castro, en marcha dende a semana pasada e dirixida por Xurxo Ayán. O campo está financiado pola Xunta, en colaboración co Concello da Pobra do Brollón, e enmárcase no Proxecto San Lourenzo de arqueoloxía en comunidade.

O obxectivo deste ano é ampliar a zona de escavación que se estende dende a ábsida da ermida e a muralla do castro coa fin de procurar o límite da necrópole altomedieval e ver como conectan os restos medievais cos antigos muros de protección.

Os voluntarios reforzarán estes traballos arqueolóxicos ata o vindeiro día 12. Nese tempo, ademais das tarefas no castro, poderán adicar o seu tempo libre a coñecer outros elementos patrimoniais de Cereixa e o resto do concello.

As escavacións están abertas ao público. O programa de visitas guiadas Déixate Guiar ofrecido polo Concello permite coñecer o xacemento. Son de mércores a domingo ás 11.00 horas e gratuítas, previa reserva no teléfono 674.93.96.73. Aos traballos arqueolóxicos en directo só é posible asistir entre semana.

Comentarios