Feira do Viño de Chantada: unha ollada ao presente e futuro desde o pasado

A subzona de Chantada viu que tiña que sumarse á moda das feiras vitícolas para dar a coñecer as excelencias dos seus produtos
Asistentes á primeira Feira do Viño de Chantada. AEP
photo_camera Asistentes á primeira Feira do Viño de Chantada. AEP

Toca pensar en que pasaba hai 40 anos. Algúns nin nacéramos e pode que outros moitos non foran conscientes do que ocorría ao noso arredor. Daquela, Felipe González só levaba un ano sendo presidente do Goberno e Fernández Albor, da Xunta. Aínda quedaban anos para o comezo da longa era de Fraga en Galicia. Se o levamos ao fútbol, aínda España se recuperaba da resaca do Mundial de 1982 e o Real Madrid só podía presumir de seis Copas de Europa.

En Chantada, un mundo máis pequeno, 1983 foi o ano da primeira edición da Feira do Viño, e nada ten que ver o evento que se celebraba daquela co que vai comezar no día de hoxe, con continuidade ata o domingo. Nin sequera se creara todavía a denominación de orixe Ribeira Sacra.

Quen andaba xa por alí co viño a voltas era Mario Vázquez Regal. Chantadés natural da parroquia de Nogueira, xusto acaba de cumprir 87 anos, curiosamente o mesmo día no que a Feira do Viño acada as 40 edicións. É unha fermosa coincidencia, pois este veterán viticultor foi un dos pioneiros do certame.

A primeira edición da Feira do Viño foi os días 12 e 13 de marzo de 1983

Vázquez Regal acudiu fiel moito tempo á Feira do Viño de Chantada coa súa adega, Viña Garoña. Non participará nesta ocasión, pero si se deixará ver por debaixo da inmensa carpa que o Concello instalou na Praza de Galicia para "probar o viño e pasar un bo anaco cos amigos e compañeiros", subliña Mario, quen amosa o seu "orgullo, aínda que xa non estea o meu posto".

A de Mario Vázquez Regal é a historia dun home que viu nacer a denominación de orixe e a Feira do Viño. "Lembro cando ía ás primeiras reunións a Monforte cada xoves. Levaba unha furgoneta coa que tamén distribuía froita", relata.

Actuación da banda de música de Chantada na primeira edición da Feira do Viño. AEP
Actuación da banda de música de Chantada na primeira edición da Feira do Viño. AEP

Vázquez Regal lembra os primeiros anos do evento. "Facíase cos viños da terra, porque non había denominación de orixe. Eran adegas artesás e a celebración tiña lugar no parque Eloísa Rivadulla. Daquela non había moitas orquestras tampouco, así que a festa era diferente", conta.

Escenarios

A primeira ubicación lémbraa moi ben Camilo Rodríguez. A súa adega, Cabo do Mundo, leva participando na feira dende a segunda edición. Primeiro co seu pai á fronte e despois con el collendo o relevo.

"Tiña 15 anos cando comezou a organizarse. Nuns estantes colocados no campo da feira poñíanse as adegas todas seguidas nun mostrador, debaixo dun pendello de pedra", relata Camilo. Campo da feira é o nome popular que se lle dá en Chantada ao parque Eloísa Rivadulla. Anos máis tarde, o punto de celebración cambiou.

O evento mudouse cara a Praza de Galicia, en plena rúa principal da vila, cando comezou a chamar a atención non só dos veciños da contorna, senón tamén dos visitantes. "Entre os anos 2000 e 2010 creo que foi cando comezamos a recibir máis xente mesmo de fóra de Galicia. Antes non era tan coñecida, gañouse moito en promoción", apunta Camilo.

Para el, o interese do público máis alá dos lindes municipais e autonómicos é un dos aspectos positivos da evolución da feira. Tamén o é o propio produto. "O viño pegou un salto de calidade impresionante, porque houbo que adaptarse á lei. Antes non había rexistro e os participantes non viñan coma adegas ou adegueiros", apunta o responsable de Cabo do Mundo.

Hoxe faise na Praza de Galicia e antes, no parque Eloísa Rivadulla

Camilo Rodríguez ve, aínda así, puntos a mellorar. "A ubicación que había antes era moi bonita. Se cadra fallamos ao non crear un lugar específico onde celebrar a feira. Tamén me gustaría que recuperaramos a relación coa música folk, porque pasamos deso a só haber orquestras, aínda que admito que isto é cuestión de gustos", opina o adegueiro.

Emblema

Esther Teijeiro é moi coñecida por ser unha das primeiras mulleres nun sector tradicionalmente masculino coma o da viticultura. Tamén ela, aos seus 86 anos, garda moitas lembranzas deste evento.

"Tiven algún problema ao principio, non sei se por ser muller, pero despois convertínme nunha habitual", indica. A súa adega, Diego de Lemos, é unha das 15 participantes na edición deste ano.

"Esta feira foi indo cara a arriba e todos os que a vimos nacer estamos moi contentos", comenta a viticultora de Pincelo.

"Os meus pais xa vivían do viño e aquí seguimos, traballando as viñas. Tiña que haber máis axudas para que os viticultores poidan vivir mellor ca antes", conclúe Esther Teijeiro.

E se de algo pode presumir Chantada é de sustentar en boa parte a denominación Ribeira Sacra.

Un territorio potente

O territorio de Chantada dispón de vinte adegas, sendo a segunda da denominación de orixe. Por riba só está Amandi, con 34. En terceiro posto sitúase Ribeiras do Miño, con 18 adegas.

En canto a hectáreas amparadas, Chantada ten 202, máis que a rechamante Amadi, pero menos que Quiroga-Bibei (391) e Ribeiras de Miño (358). O número de viticulores adscritos que coidan das viñas ascende a 351.

A inmensa maioría das adegas da subzona de Chantada son de pequeno o mediano tamaño. De todas elas destaca, por exemplo, Vía Romana, cunha producción moi importante e que exporta os seus viños a diferentes países de todo o mundo. A maiores desta adega, o grupo Méndez-Rojo dispón de adegas en todas as denominacións de orixe de Galicia.