Obras para o sustento en Chantada

Entre 1931 e 1936 acométense importantes obras en Chantada que implican novos camiños veciñais, o encanamento do río Asma e a construción dunha praza de abastos, campo de fútbol e lavadoiro
Feira na Praza do Cantón. ARQUIVO PARDO
photo_camera Feira na Praza do Cantón. ARQUIVO PARDO

O republicano Eladio Suárez Fernández estreou a alcaldía en xullo de 1931 cunha instancia presentada polos veciños de Pincelo (A Sariña), Veiga, Bacelos, Muiñovedro e Cruceiro (Nogueira) para que solicite á Deputación a construción dun camiño provincial, accedendo ao solicitado, "e pedir a construción do aludido camiño que partindo do veciñal de Chantada conduce a Sernande, no lugar de Soutariz, cruzamento ao lugar de Pincelo, pase pola ponte de Portotide e termine no punto chamado Cruceiro de Pedra da Veiga, sendo o total do percorrido de dous quilómetros e medio aproximadamente e ofrecer como achega o 50% do total da obra, o 25% en metálico e o outro 25% en materiais e prestación persoal".

A proposta dos concelleiros Darío Rodríguez Fernández e Ramiro Prado acórdase outra "que parte da estrada de Meixaboi a Ourense no lugar de Rabelas e pasando polo de Carballedo, na parroquia de Sabadelle, termine no veciñal de Chantada a Barca do Porto, nas inmediacións do lugar de Santa Rosa e construír desde a estrada de Monforte a Lalín, no lugar de San Miguel, da parroquia de Monte, pase polo lugar de Moreiras, terminando no límite da provincia, comezo da parroquia de San Salvador de Camba".

No rexistro do paro obreiro de Chantada de 1936 aparecían 1.476 operarios que carecen de "calquera medio para subsistir"

O 17 de outubro de 1932 a División Hidráulica do Miño ordena designar unha comisión para asistir ás obras de encanamento do río Asma, sendo nomeados Casimiro Míguez Regal e Manuel Losada Castro. O 11 de setembro de 1934, o alcalde establece "satisfacer as 575 pesetas ás que ascende o importe das obras".

En xullo e agosto de 1934 acorda o alcalde Celestino Noguerol Fenández diríxir "unha solicitude ao Excmo. Sr. Ministro de Obras Públicas para que se proceda á construción dunha rampla que partindo do cruzamento da rúa da Liberdade coa da Fonte Arcada, cruzamento a estrada de Monforte a Lalín e termine na de Meixaboi a Ourense, ao obxecto de desconxestionar o tráfico, calculándose o importe desta obra en 50.000 pesetas"; facilitando os terreos necesarios e remitindo certificación ao ministro de Obras Públicas.

Fonte da Alameda. ARQUIVO PARDOInaugurouse tamén na Alameda "un ximnasio do parque infantil feito para conmemorar o aniversario da República". Entre marzo e agosto de 1935 o "Presidente e o secretario da sociedade obreira titulada A Ilustración, solicitan que leven a cabo nesta localidade distintas obras que estiman de suma necesidade e aliviarían o paro obreiro forzoso, acordando que pase tal petición un informe ós concelleiros Darío Rodríguez, Manuel Gómez e o presidente".

PARO OBREIRO. A situación dos desempregados era moi preocupante. En marzo de 1936 a corporación pon en coñecemento o que dispón a Orde do Ministerio do Traballo do 28 de febreiro -insertada na Gaceta de Madrid o 2 de marzo- onde "ordenara a confección do censo de obreiros parados, e feito este resulta que no municipio o problema adquire abraiantes proporcións, xa que no rexistro aparecen 1.476 obreiros que carecen de toda clase de medios para poder subsistir e o Concello atópase nunha situación económica tan angustiosa que non pode atender a ese socorro".

Segundo acta oficial esta condición é debida "a obra de malgasto feita na época da ditadura na que o Concello concertou un empréstito sen ter en conta que esgotaba a capacidade económica do municipio ata o extremo de que o déficit do Concello na actualidade elévase a máis de 150.000 pesetas, case o importe dun orzamento ordinario e propón que para resolver a situación dos nosos conveciños débese unha súplica á Xunta Nacional do Paro Obreiro para que dos fondos destinados a mitigar o paro concédase a cantidade de 200.000 pesetas para a construción dunha praza de abastos, un campo da feira e un lavadoiro público".

En xuño de 1935 a construción dun camiño entre Vilaúxe e Castro xera varios enfrontamentos entre os veciños

Para a súa realización poderíanse empregar obreiros do campo para os desmontes, "constituíndo unha fonte de ingresos para o Concello que contribuirían a solucionar o seu desastroso estado económico".

En xuño de 1935, baixo a alcaldía de Casimiro Míguez Regal, o concelleiro Camilo Pérez López expón que "polos enxeñeiros da Deputación Provincial variouse o trazado do camiño en construción polas parroquias de Camporramiro e Vilaúxe a Castro, o que é causa da protesta daquelas parroquias, estando a piques de suscitarse un conflito de orde pública da maioría dos veciños e beneficio de dous ou tres, e roga á corporación diríxase á Deputación Provincial para que se deixe o trazado do devandito camiño como o estaba anteriormente e a corporación por unanimidade acorda acceder ao interesado".

Rúa Leonardo Rodríguez. ARQUIVO PARDOO 7 de xullo, o alcalde dá conta dunha instancia dirixida ao ministro de Obras Públicas solicitando que "tendo en conta a precaria situación do Concello constrúa unhas columnas para instalación de iluminación pública na praza de Galán, así como duns bancos na zona destinada a tránsito de peóns".

O 18 de agosto de 1935, o apoderado da Sociedade Chantada, Carballedo e as súas Comarcas, Jesús Fernández Taboada, comunica desde La Habana que "os edificios construídos para as escolas de Merlán e Mundín están terminados e que se oficie ao inspector de primeira de ensino dándolle conta do ofrecemento para trasladar as escolas".

En maio do ano 1936, Míguez Regal expón á veciñanza que "tal como está na actualidade a curva chamada Lobagueira da estrada que vai de Meixaboi a Ourense, constitúe un serio perigo para os automobilistas pois xa en máis dunha ocasión houbo varios accidentes, un deles que custou por certo a vida dunha persoa", e propón que pola corporación "solicítese da Xefatura de Obras Públicas procédase ao ensanche da mencionada curva en condicións de que desapareza o perigo actual".

Comentarios