O Castañazo está de volta

A asociación organizadora anuncia o regreso "con forzas renovadas" do festival chantadés despois de tres anos sen celebrarse
O público do Castañazo goza co concerto do grupo SFDK na edición de 2019, a última celebrada. AEP
photo_camera O público do Castañazo goza co concerto do grupo SFDK na edición de 2019, a última celebrada. AEP

O ano 2023 é dende a mañá deste luns o da volta do festival Castañazo Rock. Así o anunciou a asociación do mesmo nome que organiza o evento en Chantada. A última edición celebrada tivo lugar en 2019. Despois de tres anos, a música soará de novo.

A través dun comunicado, o colectivo indicou que as forzas están "renovadas" e que hai incorporadas "novas amizades á familia castañeira". Tamén destacaron que o festival naceu cunha filosofía baseada no asociacionismo e que así "vai seguir sendo".

Dende O Castañazo subliñaron a pandemia como unha "situación excepcional que bateu as nosas vidas" e obrigou á asociación a parar. No tempo no que non houbo festival, o colectivo destacou que  moitas persoas interesáronse por saber se este volvería, ao tempo que compartiron as súas lembranzas e vivencias na vila do río Asma con motivo destas actividades festeiras, que inclúen concertos ou cantos de taberna.

NO OUTONO. A asociación confirmou que haberá unha nova edición do festival "cando os soutos comecen a tinguirse de cores amarelas e vermellas, no tempo das castañas" e apuntou que proximamente darán a coñecer máis novidades. Un dos aspectos que caracteriza o festival é a data na que se celebra, o outono. Albérgao o mercado gandeiro de Chantada.

"Temos moitas ganas de volver ver as rúas ateigadas da nosa xente, de volver facer resoar en todo o mercado gandeiro a música en directo, de volver armar moita foliada nos cantos de taberna, pero sobre todo, temos ganas de volver ver como desfrutades e vivides o noso festi, facéndoo tamén voso", concluíron dende o Castañazo.

Comentarios