O cambio no campo de xogo

ESTAMOS no medio dunha tempestade intensa e con traza de durar. Cómpre serenarnos e procurar fuxir de dar frenéticos golpes de temón iniciando accións á desesperada: só nos poden levar contra as rochas. Agarremos o temón e reflexionemos, tanto como pequeno emprendedor como presidente de Ribeira Sacra Rural. Fuxamos de polémicas estériles e aportemos propostas construtivas para o gradual retorno a unha normalidade que necesariamente será distinta á de antes da tempestade.

Salvemos ás tripulacións coas súas embarcacións pois será o que permitirá seguir pescando. Polo tanto toca cambio de estratexia e xa. As administracións competentes no eido turístico, ao fronte de todo o sector e cooperando con el, deben capitanear este reto e todos debemos comprometernos solidariamente. Os plans turísticos previstos para antes da crise son papel mollado e, dende a nosa humilde perspectiva cómpre abordar retos para sentar bases máis sólidas e incorporar algunhas propostas que consideramos imprescindibles.

Temos dous retos para promover o turismo na Ribeira Sacra. O primeiro é asentar con determinación o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra. Cómpre unha verdadeira coordinación das actuacións das deputacións de Lugo e Ourense e da Axencia de Turismo de Galicia, e cómpre unha maior implicación tanto dos concellos como das empresas e asociacións empresariais e socioculturais. Só unha institución forte, dotada e áxil, que demostre a súa capacidade de cooperación, permitirá aproveitar as oportunidades dun futuro no que a Ribeira Sacra agardemos que sexa Patrimonio da Humanidade.

Tamén temos que acadar unha mellora nas infraestruturas, tanto viarias (incluída a súa sinalización) como de comunicación dixital. A Ribeira Sacra ten que atender as necesidades dos cidadáns e cidadás do século XXI, de xeito que poidan vivir neste territorio e asentar as súas familias, empresas (entre elas as empresas turísticas, agroalimentarias...) e, despois, atraer a turistas de distintas procedencias. O obxectivo é crear un espazo sustentable no tempo e non un parque temático. Isto permitirá que a xente moza teña incentivos para manterse no territorio, que sen dúbida é onde está o verdadeiro éxito de futuro.

Dende a experiencia como axentes turísticos que dinamizamos o territorio na medida das nosas posibilidades, e que contemplamos que a crise do coronavirus vai modificar a forma de relacionarnos e de gozar das experiencias turísticas, facemos algunhas propostas.

A Ribeira Sacra converterase nun destino turístico cunha orientación clara e diferencial. Semella que nela terán un papel primordial as experiencias saudables, de encontro cos valores naturais e de reencontro persoal e coa nosa historia. Esta realidade non é nova, vén sendo o que fixo que historicamente se asentaran neste territorio tantos e tantos forasteiros, e que só hai que reforzar.

Nesta liña, cómpre pensar en infraestruturas como paseos verdes, de terra, que permitan ás persoas o contacto saudable coa natureza, osixenarse, achegarse andando ate lugares emblemáticos, miradores, igrexas, monumentos. Tamén hai que promover as loxísticas asociadas, promovendo áreas de aparcamento, lugares para atendera aos vehículos eléctricos, lanzadeiras para acceder a certos lugares sensibles, accesos en condicións ás rutas a pé, etc.  Ademais cómpre fomentar dinámicas que permitan experiencias sensoriais (as árbores, plantas; sons do silencio, da auga, do vento e a choiva, dos paxaros e animais; vistas acalmadas, texturas...). E, por suposto, pensar no día despois da inauguración, que significa mantementos e axentes que dinamicen as infraestruturas.

Tamén hai que empezar a pensar na substitución de embarcacións que usan derivados do petróleo para navegar lo Miño, o Sil ou o Cabe, por outras movidas por enerxías respectuosas co medio. Tamén, na medida do posible, seguir a fomentar a volta das embarcacións tradicionais e o seu uso para o lecer.

No tocante a que a Ribeira Sacra ten que ser un lugar para a xente que vive no lugar, hai que plantexarse medidas que axuden a asentar poboación. Por exemplo, de igual xeito que  todos os anos nos concellos reclutan e organizan cuadrillas de loita contra o lume, tamén é posible formar e organizar grupos que traballen no aproveitamento de terras abandoadas, cultivo e mantemento de hortas, de plantacións de árbores froiteiras, coidado e vixiancia de espazos para a recollida sostible de cogomelos, de froitos do bosque. Todo isto forma parte da paisaxe que os visitantes valoran nas súas estadías.

Conscientes de que nos primeiros meses o prezo dos servizos turísticos será un factor diferenciador, cremos que en vez de realizar ofertas nin descontos que tiran por terra a valoración dos servizos, sería mellor buscar a colaboración das administracións para que asuman parte do custo, ao igual que se fixo noutras promocións. Así as persoas participantes aboan unha parte, o resto é asumido polas administracións. Tamén sería ben interesante lanzar campañas desta tipoloxía cara colectivos como os maiores, persoal que estivo fortemente implicado no período de estado de alarma.

* Francisco do Romualdo é o presidente da asociación Ribeira Sacra Rural 

Comentarios