viernes. 24.09.2021 |
El tiempo
viernes. 24.09.2021
El tiempo

MIGUEL ÁNGEL SOTUELA

"Non me vexo volvendo ao pico e á pa e tampouco ao mundo sindical"

TEAU3044
Miguel Ángel Sotuela. ARCHIVO
O alcalde de Ribas de Sil accedeu á alcaldía hai 24 anos cunha moción de censura. Non contaba parar tanto, pero xa afeito á dinámica municipal agora non quere marchar. Di que aínda ten proxectos para Ribas de Sil e que lle gustaría acabar a súa vida laboral no Concello se os veciños llo permiten

Traballa coa tranquilidade que dá xestionar un Concello sen débeda. Iso permítelle facer plans de futuro, pero hai dous asuntos pendentes que non perde de vista: a residencia de maiores e o cámping.

Con que se vai manter ocupado este verán?

Como estamos a metade de ano, unha parte do plan de investimentos xa está en marcha e o resto a punto de adxudicar. Este ano apostamos polo medio ambiente, os investimentos grandes van nese sentido. Compramos un camión novo para a recollida do lixo e outro que funcionará coma un pequeno punto limpo. É un vehículo que transporta un contedor para residuos especiais, como por exemplo as pilas. O recipiente ten varios departamentos, para recoller diferentes materiais. Irémolo levando por todas as parroquias, botará uns días en cada sitio e así facilitamos a recollida selectiva destes residuos que poden resultar moi perigosos para o medio ambiente. O camión é pequeño e leva un gancho para mover o contedor. Está previsto que o recibamos en dous meses. Nesta liña de actuación, tamén temos previsto renovar as luminarias de todo o concello, para contribuír ao aforro enerxético, e mellorar a traída de auga, que tamén suporá un aforro no consumo. Está previsto poñer contadores electrónicos e un sistema de detección de fugas, porque as instalacións son antigas e hai que evitar a perda de auga.

Será posible recuperar este verán algunha das actividades suspendidas pola pandemia?

Estamos sendo moi prudentes e traballando en silencio no que nos din que temos que facer. Non houbo festa da cereixa, que é o noso referente, e tampouco vai haber festas no verán. Si que temos actividades para nenos, pero con medidas de seguridade. Participan uns 40, en grupos de dez como máximo, e tivemos que dispoñer de máis monitores e modificar o programa de actividades para adaptalo ás circunstancias.

O cámping abrirá este verán?

Aínda estamos traballando nel. A zona dos bungalós está acabada, pero agora estamos ampliando para acondicionar un espazo para acampada e para estacionamento de autocaravanas. A ver se conseguimos telo listo este ano para poder abrir na próxima primavera.

No mesmo lugar está o centro de interpretación da minaría romana. Hai previsión de abrilo?

A idea é abrir todo xunto. Está en fase de licitación a musealización, un tema técnico. Hai que buscar o xeito de expoñer os contidos para que a xente que visite o centro de interpretación se faga unha idea do que era unha mina romana. Temos restos de minaría, pero o centro terá sobre todo contidos dixitais.

E cando empezará a funcionar a residencia de maiores?

Iso haillo que preguntar á Deputación. Dixeron que para o 2022 e quero pensar que así será. Está rematada, só falta equipala e poñela a funcionar. Entendo que todas ao mesmo tempo non pode ser, que había que dar prioridade a outras. Somos pacientes, pero leva dous anos rematada e eu quero que a abran canto antes. Espero que por ser a última os fallos detectadosnoutras xa nos cheguen resoltos.

Accedeu á alcaldía por unha moción de censura hai 24 anos. Se soubese que se ía enlear tanto tempo igual non a presentaba.

Daquela era necesario. Había un abandono importante no Concello. De feito, non foi un quítate ti para poñerme eu, porque ademais do apoio do PSOE tiven o respaldo de dous piares do PP.

Pero contaba con estar no cargo 24 anos?

Non, sinceramente. Eu contaba con saír daquel atranco e volver ao meu traballo.

E agora que?

Sigo tendo ganas de traballar por Ribas de Sil, o corpo pídeme desenvolver este concello. Non me podo xubilar aínda e gustaríame acabar a miña vida laboral no Concello. Traballei 16 anos na louseira e despois como liberado sindical, pero se tivese que deixar o Concello buscaría a vida noutro sitio. Non me vexo agora volvendo ao pico e á pa e tampouco comparto a deriva do mundo sindical.

Se tivese que marchar, que lle gustaría deixar feito?

Gustaríame poñer en marcha a residencia e o cámping. Son obxectivos marcados. Pero sei que quen me substitúa vai traballar tamén nese sentido, sexa do partido que sexa, porque os acordos nestes temas foron sempre unánimes.

Mineiro e sindicalista
Antes de ser alcalde, Miguel Ángel Sotuela Vega traballou 16 anos nunha canteira de lousa e despois foi sindicalista da UXT . Esta experiencia no ámbito sindical serviulle para xestionar as áreas de recursos humanos tanto na Deputación coma no Concello. En Ribas de Sil acaba de aprobarse a Relación de Postos de Traballo (RPT ) e o alcalde presume de telo feito «sen reclamacións». Este trámite permitirá regularizar nos próximos anos todos os traballadores municipais.
Sen débedas
O Concello de Ribas de Sil mantén a súa débeda controlada desde hai anos. Isto permítelle solicitar créditos cando precisa facer investimentos e pagalos cos remanentes cando se pecha cada exercicio. O truco para manter saneadas as arcas municipais non é ningún segredo: "Se ingresas 10 tes que gastar 10, ou mellor 9,9", explica Miguel Ángel Sotuela.

"Non me vexo volvendo ao pico e á pa e tampouco ao mundo sindical"
Comentarios