Traballa coa tranquilidade que dá xestionar un Concello sen débeda. Iso permítelle facer plans de futuro, pero hai dous asuntos pendentes que non perde de vista: a residencia de maiores e o cámping.
Con que se vai manter ocupado este verán?
Como estamos a metade de ano, unha parte do plan de investimentos xa está en marcha e o resto a punto de adxudicar. Este ano apostamos polo medio ambiente, os investimentos grandes van nese sentido. Compramos un camión novo para a recollida do lixo e outro que funcionará coma un pequeno punto limpo. É un vehículo que transporta un contedor para residuos especiais, como por exemplo as pilas. O recipiente ten varios departamentos, para recoller diferentes materiais. Irémolo levando por todas as parroquias, botará uns días en cada sitio e así facilitamos a recollida selectiva destes residuos que poden resultar moi perigosos para o medio ambiente. O camión é pequeño e leva un gancho para mover o contedor. Está previsto que o recibamos en dous meses. Nesta liña de actuación, tamén temos previsto renovar as luminarias de todo o concello, para contribuír ao aforro enerxético, e mellorar a traída de auga, que tamén suporá un aforro no consumo. Está previsto poñer contadores electrónicos e un sistema de detección de fugas, porque as instalacións son antigas e hai que evitar a perda de auga.
Será posible recuperar este verán algunha das actividades suspendidas pola pandemia?
Estamos sendo moi prudentes e traballando en silencio no que nos din que temos que facer. Non houbo festa da cereixa, que é o noso referente, e tampouco vai haber festas no verán. Si que temos actividades para nenos, pero con medidas de seguridade. Participan uns 40, en grupos de dez como máximo, e tivemos que dispoñer de máis monitores e modificar o programa de actividades para adaptalo ás circunstancias.
O cámping abrirá este verán?
Aínda estamos traballando nel. A zona dos bungalós está acabada, pero agora estamos ampliando para acondicionar un espazo para acampada e para estacionamento de autocaravanas. A ver se conseguimos telo listo este ano para poder abrir na próxima primavera.
No mesmo lugar está o centro de interpretación da minaría romana. Hai previsión de abrilo?
A idea é abrir todo xunto. Está en fase de licitación a musealización, un tema técnico. Hai que buscar o xeito de expoñer os contidos para que a xente que visite o centro de interpretación se faga unha idea do que era unha mina romana. Temos restos de minaría, pero o centro terá sobre todo contidos dixitais.
E cando empezará a funcionar a residencia de maiores?
Iso haillo que preguntar á Deputación. Dixeron que para o 2022 e quero pensar que así será. Está rematada, só falta equipala e poñela a funcionar. Entendo que todas ao mesmo tempo non pode ser, que había que dar prioridade a outras. Somos pacientes, pero leva dous anos rematada e eu quero que a abran canto antes. Espero que por ser a última os fallos detectadosnoutras xa nos cheguen resoltos.
Accedeu á alcaldía por unha moción de censura hai 24 anos. Se soubese que se ía enlear tanto tempo igual non a presentaba.
Daquela era necesario. Había un abandono importante no Concello. De feito, non foi un quítate ti para poñerme eu, porque ademais do apoio do PSOE tiven o respaldo de dous piares do PP.
Pero contaba con estar no cargo 24 anos?
Non, sinceramente. Eu contaba con saír daquel atranco e volver ao meu traballo.
E agora que?
Sigo tendo ganas de traballar por Ribas de Sil, o corpo pídeme desenvolver este concello. Non me podo xubilar aínda e gustaríame acabar a miña vida laboral no Concello. Traballei 16 anos na louseira e despois como liberado sindical, pero se tivese que deixar o Concello buscaría a vida noutro sitio. Non me vexo agora volvendo ao pico e á pa e tampouco comparto a deriva do mundo sindical.
Se tivese que marchar, que lle gustaría deixar feito?
Gustaríame poñer en marcha a residencia e o cámping. Son obxectivos marcados. Pero sei que quen me substitúa vai traballar tamén nese sentido, sexa do partido que sexa, porque os acordos nestes temas foron sempre unánimes.
Sen débedas
O Concello de Ribas de Sil mantén a súa débeda controlada desde hai anos. Isto permítelle solicitar créditos cando precisa facer investimentos e pagalos cos remanentes cando se pecha cada exercicio. O truco para manter saneadas as arcas municipais non é ningún segredo: "Se ingresas 10 tes que gastar 10, ou mellor 9,9", explica Miguel Ángel Sotuela.