NECROLÓGICA | Benquerido amigo Arcadio

"Non vou caer na tentación de escribir da importancia que como profesional e cronista gráfico tiveches para Monforte. Que saibas que a pegada que deixaches en nós témola enmarcada e perdurará no corazón"
Agardo, para cando recibas esta carta, te atopes ben de ánimo e luz. Por aquí coma sempre. Xa sabes, facendo que fago. Non sei se é a tristura ou a doce lembranza que deixaches impresionada na placa da miña alma o que me empurra a escribirche. Dá o mesmo. Saibas que estou cabreado. A quen se lle ocorre marchar sen avisar? Quedo, sen ruído, elegante, xeneroso... ¡Puidémola armar! Vale. Non procede. Quédome cos bos tempos que pasei contigo. Lembras? Podía encher varias follas deste periódico con anécdotas e ocorrencias froito do teu singular xeito de ver a vida a través dos lentes cóncavos e convexos da túa cámara que utilizabas para nos retratar. Non vou caer na tentación de escribir da importancia que como profesional e cronista gráfico tiveches para Monforte. Iso é sabido dabondo. Que saibas que a pegada que deixaches en nós témola enmarcada e perdurará no corazón. Sen máis saber que dicir, despídome desexándoche un mundo mellor. P.D. Súdos a Fina e César e unha eterna aperta para ti. ¡Vémonos! O teu amigo Antón Valcarce

Comentarios