"É necesario un pacto entre todas as forzas para impulsar Taboada"

Falar de Ramos Ledo na comarca chantadesa é referirse a unha persoa cunha grande implicación política e social para atender as necesidades dos veciños do territorio, o que moveu á asociación que concede o premio Billó de Ouro a fixarse nel na súa vixésima segunda edición
José Jesús Ramos Ledo. EP
photo_camera José Jesús Ramos Ledo. EP

JOSÉ JESÚS Ramos Ledo (Taboada, 1944) apartouse da vida política en 2014, cando por motivo da súa xubilación abandonou a xefatura provincial da Consellería de Educación. Antes, en 2009, cesou como alcalde polo Partido Popular (PP) do Concello de Taboada tras 22 anos como primeiro edil para ocupar esa xefatura na que estivo un lustro. O próximo día 27 recibirá o Billó de Ouro, un galardón que lle concede a Asociación Cultural e Gastronómica Luso-Galaica tras valorar «o traballo e o agarimo que ao longo de toda a súa vida ofreceu e ofrece ao municipio de Taboada».

Que supón para vostede este premio?

Estou moi contento. Sempre é agradable que che distingan cun premio que se lle concedeu a Manuel Fraga ou ao taboadés Víctor Vázquez Portomeñe. Eu serei o segundo veciño de Taboada en logralo. Insisto, síntome enormemente afortunado.

Un máis no seu largo currículo?

Non tanto, pero podo dicir que presidín a cooperativa A Medela, xerme da actual e importante Aira; e fun cofundador da coral e da banda de música grazas ao gran traballo dos compañeiros José Luis Vázquez e José Viana Rodríguez, Tamén estou orgulloso de ser fundado do club de fúltbol Taboada.

Falando daqueles tempos, que lle parece se botamos unha mirada atrás?

Botamos, pero tamén hai que falar de presente e futuro. O pasado é interesante pero non determinante.

Como cualificaría o seu paso pola política?

Pois como todas as actuacións nesta vida tivo as súas luces e as súas sombras. O mellor foi a consecución de proxectos moi importantes, como a casa da cultura, o polideportivo, o arranxo do centro de saúde, a compra de dous inmobles para que se instalase a Garda Civil ou a creación da área da Medela, por non falar da apertura de rúas importantes ou da construción de tres centros educativos.

E as sombras?

Non fun capaz como alcalde de facer a variante da N-540 para entrar á vila, un proxecto no que, por desgraza, non se avanzou nada desde entón a pesar de que non é excesivamente custoso. Tamén teño que falar da estrada comarcal 611, de Palas a Rubián, unha vía para nós moi importante é que debería ser mellorada como vertebradora do territorio.

Como ve a situación na que se atopa Taboada?

Vou facer unha reflexión. Necesitamos un esforzo colectivo, que todos os partidos arrimen o ombreiro para recuperar a ilusión. Taboada é un municipio rico e ben situado, entre Lugo e Ourense, e ten un patrimonio natural, cultural e inmaterial de primeira orde que debería impulsarse. Facer un pacto entre todos para darlle pulo ao territorio é esencial e creo que iso axudaría a volver ilusionar aos veciños.

E o polígono industrial? Está aí pero non acaba de arrincar.

Si, habería que darlle un impulso. Din que hai trece parcelas á venda, pero tamén se fala de que son moi caras. Habería que estudar como rebaixar o seu prezo. En Monterroso, Palas ou Chantada son máis baratas. Os empresarios non van instalarse nun lugar caro. Outra cousa sería se estivese construída a autovía A-56, pois pasaría xusto á beira do parque empresarial. Sería un grande atractivo.

Que necesidades cara ao futuro ten Taboada?

Xa falei antes de infraestruturas como a variante da N-540 e da estrada comarcal 611. Sería bo pensar, tamén, en aproveitar o noso patrimonio desde o punto de vista turístico, ademais de crear un museo etnográfico. Resúltame moi atractivo o proxecto que ten en marcha o Centro de Estudos Ulloáns para que sexa recoñecido o chamado Camiño Santo como roteiro de peregrinación a Santiago. En Taboada entra por Castelo, pasa polo Pazo de Perreros. Ponte das Pedras, a casa grande de Relás e polo Pazo do Conde de Taboada para logo seguir polas Neves antes de chegar primeiro a Monterroso e logo a Palas. Daría un atractivo notable ao noso municipio.

Volvería á vida política activa?

Estou ao dispor do partido para o que mande. Sempre estou disposto a sumar, pero agora véxome máis como colaborador, non como para volver estar á fronte da política como cabeza de lista. Para iso están os mozos, quizais máis ilusionados que aqueles como un servidor aos que lles chegou a tarde, como di a catedrática María Cristina Camilo. Con todo, vou ser prudente e non direi desa auga non beberei. Gústame a política e sígoa con atención.

Comentarios