"Nas nosas feiras, todo o facemos os veciños"

Asunción Gómez Neira, ‘Hita’, preside a asociación de veciños O Bubaíño, de Castro (Carballedo), que o vindeiro día 23 volve organizar a Feira da Carne ao Caldeiro, "un prato típico que é un orgullo do noso pobo e motivo de unión"

Asunción Gómez, na carballeira do instituto Lama das Quendas de Chantada, onde traballa. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Asunción Gómez, na carballeira do instituto Lama das Quendas de Chantada, onde traballa. MIGUEL PIÑEIRO

A presidenta da asociación de veciños O Bubaíño de Castro (Carballedo) presume da Feira da Carne ao Caldeiro, un evento que no seu día uniu a todo un pobo contra os pésimos efectos da enfermidade das Vacas Tolas. Asunción Gómez Neira, ‘Hita’, preside o colectivo.

Onde nace o idilio de Castro coa carne ao caldeiro?
No ano 2000, cando as dúas feiras que se celebran aquí cada mes, o 17 e o 29, tiveron un importante baixón a raíz do mal das Vacas Tolas. Entón ocorréusenos que as casas de Castro cociñaran a carne ao caldeiro para a asociación de veciños. Contratamos unha carpa e comezamos a elaborar a comida para quen quixera. Tiñamos medo de que non funcionase, pero foi todo un éxito.

De onde viña ese medo?
Era algo novo e non sabíamos como reaccionaría a xente. Encargamos 1.000 quilos de carne e vendemos 700. Arriscamos e acertamos. Agora as feiras de Castro medraron e hai que dicir que tanto a do 17 como a do 29 son feiróns aos que vén moito público mesmo entre semana.

Parece que o papel dos veciños é determinante.
A de Castro é unha feira na que todo o cociñan, serven e venden os veciños. Agás a montaxe da carpa grande, todo o facemos os residentes, tamén limpar. Ese espírito foi o que axudou a que sexamos un lugar tan unido. Contan con axuda para organizar o evento? Este ano colaboran o Concello de Carballedo, a Deputación e Caixa Rural. Esta entidade bancaria era a única axuda que tiñamos nas primeiras edicións. Logo tamén houbo momentos nos que se sumou a Xunta.

Cal é a particularidade da carne ao caldeiro feita en Castro?
A principal é que se fai en cociñas de leña. Hai que prender os fogóns ás 9.00 horas e botar a carne ás 12.00. Ademais, a auga é sen cloro. Collémola da fonte. Non podo dicirche a diferenza no sabor entre esta maneira de cociñar a carne e outras, porque eu só a teño degustado ao noso xeito, pero os comensais sempre din que a nosa sabe mellor.

A vindeira edición da Feira da Carne ao Caldeiro de Castro será o día 23. Que se vai atopar o público que asista a Carballedo?
O pregón vaino ler Rubén Lois. É un profesor de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e foi director xeral de turismo da Xunta os catro anos do bipartito. A el debémoslle a oficina de turismo de Castro. Por iso, nun momento no que o turismo está a medrar en Carballedo pensamos que era boa idea que el lera o pregón. Pola mañá teremos a actuación dun grupo de gaiteiros e organizaremos unha exposición de produtos locais. Despois de comer será a quenda da charanga Unión Phenosa, que tamén actuará mentres o público degusta a carne ao caldeiro.

Dixo antes que na primeira edición puxeron á venda 1.000 quilos de carne. En que cantidades se moven agora?
Actualmente movémonos nos 1.500 quilos de carne vendidos, o que supón unhas 3.000 racións. Encargámosllas ao carniceiro de Castro. Procuramos que todos os produtos sexan da zona.

Comentarios