Nace en Taboada un colectivo de mulleres rurais que xa ten 82 socios

Landra, que está presidida por Ana Vila, colle o relevo da desaparecida asociación Santa Lucía
Ana Vila (dereita), e a secretaria, Paula Gómez, no posto de Landra na Festa do Caldo de Ósos. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Ana Vila (dereita), e a secretaria, Paula Gómez, no posto de Landra na Festa do Caldo de Ósos. MIGUEL PIÑEIRO

Landra é o nome dunha nova asociación de mulleres rurais creada en Taboada, que xa conta con 82 asociados. Está presidida por Ana Vila, unha coñecida poeta labrega con varias obras publicadas, e colle o relevo do desaparecido colectivo Santa Lucía, que presidía Berta Rey.

O obxectivo non é outro que darlle valor ao rural en tempos de despoboación e falta de oportunidades e servizos. Terán continuidade algunhas das actividades organizadas por Santa Lucía, entre as que había, por exemplo, cursos ou clases de ximnasia polas aldeas.

"Será algo máis que unha asociación cultural. Queremos que aborde todo. Pensamos en charlas nos locais sociais das parroquias, excursións ou comidas. Darémoslle importancia á organización de clases de ximnasia, pois moita xente non pode desprazarse ata o casco urbano de Taboada e tentaremos levarllas preto da casa, porque tiñan moito éxito e bótanse en falta", indica Ana Vila.

En equipo

Malia que é unha asociación de mulleres, Ana Vila destaca que tamén hai homes no proxecto. "Eles danlle un valor moi importante ao rural e queremos contar con todos, que aporten ideas e traballar con outras asociacións", valorou a presidenta de Landra, quen avanza que pensan xa en actividades para abril.

Segundo explica, foron integrantes doutro colectivo quenes se puxeron en contacto con ela para que fose a presidenta. Refírese á asociación de comerciantes e industriais do municipio de Taboada (Acimta). "Pedíronme se podía encargarme deste novo proxecto e eu aceptei en canto soubemos que non había outra persoa relacionada coa directiva da asociación Santa Lucía disposta", destaca Ana Vila.

Eles danlle un valor moi importante ao rural e queremos contar con todos, que aporten ideas e traballar con outras asociacións"

Son un total de once as mulleres fundadoras de Landra. Paula Gómez Gómez é a secretaria e Ana Rey Gay, a tesoureira. Pilar Carballas Gil exerce o cargo de vicepresidenta; Lucía Villamor Lagos, o de vicesecretaria, e Concepción Diéguez é a vicetesoureira.

O colectivo complétase coas vocais Elia López Vázquez, Begoña Gay Vázquez, Concepción García Iglesias, Encarna Ferreiro Ferreiro e Elena Díaz Real.

Un posto na Festa do Caldo de Ósos

Landra aínda está en proceso constituínte, deseñando como serán o seu modelo de traballo e as súas actividades. Na pasada Festa do Caldo de Ósos de Taboada, moitos veciños e veciñas coñeceron o colectivo. O da asociación de mulleres foi un dos postos instalados baixo a carpa da Praza de Riazón. Este punto informativo resultou moi proveitoso, segundo asegurou Ana Vila. "De 60 e pico socios e socias pasamos aos 82 que temos actualmente. Viunos moi ben estar na Festa do Caldo de Ósos, aínda que soubemos a última hora que estariamos", destacou a presidenta.

Viunos moi ben estar na Festa do Caldo de Ósos, aínda que soubemos a última hora que estariamos"

CUOTAS Ser asociado de Landra ten un custo de dez euros ao ano. "Non podes pedir moito, tendo en conta como están as cousas no rural", explica Ana Vila.

REPARTO XEOGRÁFICOS A presidenta de Landra destaca que non hai só masa social en Taboada, tamén en Chantada, Carballedo ou Melide.

Comentarios