A música volveu ás tabernas de Chantada

Doce grupos e 110 persoas levaron os seus cantos por dez establecementos hostaleiros da vila do río Asma nunha tarde chea de festa na que tamén se desenvolveu un Magosto Cuir, con concertos e obradoiros que continúan este domingo 
undefined
photo_camera Os cantos de taberna e os magostos animaron a xornada en Chantada. EP

A música volveu aos bares e tabernas do centro de Chantada. Non foi polo festival Castañazo, o organizador habitual deste evento, pero o conxunto que se decidiu a recuperar a actividade despois de dous anos de parada tivo éxito, reflectido en rúas cheas de troula en novembro.

Actuaron un total de doce grupos, o que equivale a 110 persoas que non pararon de tocar e armar festa alá por onde foron. A organización preparou un percorrido por dez establecementos hostaleiros do centro da vila do río Asma.

Searas, Skachakunchas, Silbardas, Dakidoasma, Castro Candaz, Os Tarabelos do Saviñao, Os do 13, Airiños do Farelo, Mestura de Nete, Varacuncas, Tempos e SolDoFaro Brass son o nome das formacións que animaron a tarde e a noite chantadesas.

Os cantos máis tradicionais de Galicia deixáronse escoitar nos locais Parada, Mar y Bellota, Centro, Canizo, Mar, Mánix, Agocho, Viñoteca, Mago e Época, repletos tamén de público que non quixo pasar a oportundidade de gozar con algúns dos temas máis populares do folclore galego.

                      Os cantos de taberna e o Magosto Cuir (un dos concertos, na foto central da fila de imaxes inferior) animaron a xornada de onte en Chantada.
Os cantos de taberna e os magostos animaron a xornada en Chantada. EP

Dende a organización aclararon que o seu obxectivo era retomar os cantos con todo o desexo de que no futuro volva celebrarse o festival Castañazo, que tocaría por estas épocas e que segue a estar nas mans da asociación que leva o mesmo nome.

"Agardamos que volva o ano que vén como unha das datas máis sinaladas e devecidas da nosa vila", subliñaron, por medio dun comunicado, as organizadoras dos cantos de taberna.

O día de este sábado foi para non aburrirse en Chantada. De xeito paralelo, Aldearmos organizou un Magosto Cuir que comezou cun obradoiro de construción dun pandeiro vegano e continuou co concerto de Fergalicious e un espectáculo de drag de Meiga-I.

                      Os cantos de taberna e o Magosto Cuir (un dos concertos, na foto central da fila de imaxes inferior) animaron a xornada de onte en Chantada.
Os cantos de taberna e os magostos animaron a xornada en Chantada. EP

O Magosto Cuir continúa este domingo en Pincelo. Dende as 12.00 horas haberá un obradoiro de percusión con pandeiro e ás 16.00 horas desenvolveranse unhas conversas mediadas sobre sexualidades, para rematar ás 18.00 horas cunha sesión de Pin Pan DJ.

Comentarios