A música gañoulle a partida ao Dereito

Samuel Soto, con raíces en Quiroga, é un mestre do bouzouki e está vinculado a ducias de proxectos de música folk e de raíz
Samuel Soto, en pleno concerto. CEDIDA
photo_camera Samuel Soto, en pleno concerto. CEDIDA

Samuel Soto está asentado en Vigo pero asegura que sente "paixón e devoción por Quiroga. É a terra dos meus avós, dos meus pais. Eu vivín alí e fun varios anos á escola. Agora teño casa, amigos e moita vida en Quiroga", suliña. As raíces de Soto tamén teñen moito que ver co feito de que el se adicase á música. "A casa do meu avó xa era a Casa do Gaiteiro e eu comecei a tocar a gaita e a pandeireta aos 8 anos, na asociación Alfredo Brañas de Carballo, nunha época na que residimos alí", rememora.

Durante anos os instrumentos foron grandes amigos de Soto a nivel afeccionado, pero quedaron un pouco á marxe segundo lle tocou avanzar nos estudos. "Foi ao rematar a Licenciatura de Dereito cando entendín que a música era o meu mundo e que non ía exercer de xurista", apunta.

Ante esa situación decidiu retomar a súa afección e formarse. Entrou na antiga escola de Artes e Oficios de Vigo e asegura que tivo a sorte de contar cos mellores mestres, con moitos deles colabora na actualidade e comparte escenario, como é o caso de Xisco Feijóo ou Xaquín Xesteira (Treixadura).

Samuel Soto, co seu bouzouqui
Samuel Soto, co seu bouzouki

"Eu nunca perdera a rutina de exercitarme, de tocar e gozar, pero na escola decidín formarme de xeito profesional en gaita, pandeireta e descubrín o bouzouki, que trouxo Rodrigo Romaní e que é case imprescindible na actualidade nos grupos de música celta", destaca Soto.

No primeiros anos, Soto subiu ao escenario da man de artistas coma Álvaro Costas, Eliseo Parra ou Uxía Senlle. Participou en diversos proxectos que o levaron por toda Galicia e ao estranxeiro e formou parte de agrupacións coma Ardentía, onde tamén medrou como voz.

AGORA. Na actualidade a axenda de Samuel Soto é complexa. Participa en moreas de proxectos que teñan que ver co folk e coa música de raíz. Por exemplo, da man do percusionista da Guarda José García entrou en contacto cunha banda de Taiwán chamada Sonus de Gaia. Con eles compuxo un tema no que canta, toca as cunchas e a percusión e que conta cun exitoso videoclip no país asiático.

Tamén forma parte de SonDe Seu, "un referente a nivel europeo", e este verán participou nun poxecto con Manuel do Pazo (A Roda) e noutro sobre o Camiño con Manoele de Felisa, con quen ten un grupo de cantos de taberna chamado Cantos da Terra. Tampouco perde a oportundiade de tocar coa xente de O Recanto da súa querida Quiroga.

Asegura Samuel Soto que o seu  hábitat é o escenario, por iso participa en proxectos especialmente singulares, que combinan distintas artes escénicas. É o caso das súas colaboración co Mago Queiman.

DOCENCIA. Cando chega o frío e a tempada de espectáculos remata, Samuel Soto muda os palcos da música polas aulas. Forma parte do equipo docente da Escola de Gaitas da Deputación de Pontevedra, tamén dá clase en varias asociacións veciñais coma algunha en Vigo e Mos, no Coro Rociero do Calvario e na Escola de Música de Chapela.

A maiores, está implicado en Arde Lume, un grupo que integran persoas con autismo e que, segundo apunta, "arrasa e é pura vida".

Samuel Soto, co nome de Xela Arias.
Samuel Soto, co nome de Xela Arias.

Nos últimos anos Soto tamén se animou a compoñer temas sobre os escritores aos que se lles adica o Día das Letras Galegas: Antonio Fraguas, Xela Arias ou Florencio Delgado Gurriarán. Son temas nos que se repasa a biografía, a obra e a trascendencia dos autores galegos.  Son pezas didácticas que achegan a lingua e a loita dos autores ao público en xeral e especialmente aos cativos. 

Comentarios