miércoles. 20.11.2019 |
El tiempo
miércoles. 20.11.2019
El tiempo

O museo monfortino do Celta

Brais Rodríguez amosa a bota de Mazinho bañada en ouro diante da súa colección de obxectos do Celta. TOÑO PARGA
Brais Rodríguez amosa a bota de Mazinho bañada en ouro diante da súa colección de obxectos do Celta. TOÑO PARGA

Botas dos xogadores, ata unha de Mazinho bañada en ouro, ou 240 camisetas oficiais forman parte da colección de Brais Rodríguez

Se son seareiros do Celta, están de viaxe por Xenebra e queren ver un partido do seu equipo, Brais Rodríguez pode axudarlles. Este monfortino residente na cidade suíza é o presidente da peña celtista do lugar e, polo tanto, afeccionado ao equipo vigués, pero é atípico ata para vivir a rivalidade co Deportivo. "Non lle desexo ningún mal, ao contrario, quero que estea en Primeira", di, aínda que pronto matiza: "Que quede sempre por debaixo nosa".

Coma bo seareiro, fala en primeira persoa do plural cando se refire ao Celta, unha paixón que lle transmitiron a súa familia e as dúas persoas naturais de Vigo que o coidaban en Suíza cando era neno. Brais levou o amor polo azul celeste moito máis aló e converteuse nun coleccionista, amante das pezas únicas e difíciles de atopar. De feito, canto máis raro e complicado sexa de conseguir o obxecto que desexa, máis teima pon na súa busca. Un total de 240 camisetas, a máis antiga do 1977, 200 delas usadas por xogadores, e varios pares de botas de taco empregadas por futbolistas míticos do Celta dan boa fe.

O punto de inflexión, coma esa vitoria que abre unha dinámica positiva imposible de frear para os contrarios, veu no 1987. Desde ese exercicio ata o actual, Brais Rodríguez ten todas as zamarras que usou o Celta agás dúas. Unha delas é unha camiseta vermella que o conxunto olívico empregou nos 90 un dos anos que se paseou por Europa grazas á Copa da Uefa. Afirma que está en proceso de lograla e vendo os seus precedentes non parece ousado aventurar que a conseguirá. A segunda, admite, é máis complicado.

Un dos soños de Brais é acadar unha camiseta que se usou durante un partido amigable contra o Real Madrid. Os planteis do Celta e do Deportivo conformaron un único equipo e a vestimenta que levaron tiña o escudo dos dous clubes. O motivo deste especial encontro era recadar fondos para os afectados polo Prestige. "Ata contactei con xente do Dépor para ver se me fago con unha, pero é moi difícil", comenta Brais.

É un novo desafío que cumprir para un home que moveu ceo e terra co fin de lograr as pezas que compoñen a súa particular colección. Brais ten camisetas auténticas que no seu día vestiron históricos coma Mostovoi, Karpin, Gustavo López ou Ratkovic e xogadores actuais coma Iago Aspas, Hugo Mallo ou Rubén Blanco.

Estas vestimentas son de competición, pero Brais tamén sentiu interese por camisetas que non chegaron a empregarse ou que se empregaron en situacións especiais. É o caso do partido de homenaxe a Vlado Gudelj, no que todos os futbolistas do Celta xogaron co nome e o número do exdianteiro bosníaco ás costas. Do mesmo xeito, este acérrimo celtista ten camisetas que el mesmo define coma "raras", pois chegaron a Vigo defectuosas, con erros no escudo ou na publicidade. Son artículos que o Celta non chegou a usar e que acabaron en posesión de Brais.

Este destino correron tamén as botas que calzou Mostovoi durante un dos mellores partidos da historia do equipo olívico. O exfutbolista ruso marcou un gol, deu a asistencia doutro e participou na xogada do terceiro cando o Celta derrotou en Birmingham ao Aston Villa por 1-3 na Copa da Uefa.

O de Brais Rodríguez é un reino celeste que ten a súa particular xoia da coroa. O Celta encargou no seu día unha bota bañada en ouro para darlla ao brasileiro Mazinho. "Non sei o motivo, pero o club nunca a recolleu, así que téñoa eu", presume Brais.

Ter unha bota dun campión do mundo bañada en ouro escríbese pronto, pero para obtela houbo que facer peripecias. Por suposto, Brais non revela os seus contactos, que ten e necesita para conseguir obxectos tan exclusivos. Tira de socios antigos e actuais, membros de peñas e mesmo de xente próxima ao vestiario do Celta para engordar a súa espectacular colección, que se reparte entre Suíza e Monforte e que amosa unha paixón desorbitada, pouco habitual, por un equipo de fútbol.

O museo monfortino do Celta
Comentarios