Monforte acolle unha mostra de El Progreso sobre o traxe festivo da muller aldeá en Lugo

A exposición estará ata o vindeiro sábado no Centro do Viño e logo pasará por outros seis concellos da provincia
Varios momentos da presentación da mostra no Centro do Viño de Monforte. L.A.R M.P.V
photo_camera Varios momentos da presentación da mostra no Centro do Viño de Monforte. L.A.R. / M.P.V

O Centro do Viño da Ribeira Sacra acolle dende este martes e ata o sábado a exposición O traxe festivo da muller aldeá, nas terras de Lugo. Trátase dunha mostra itinerante organizada polo Grupo El Progreso que estuda, recupera e reproduce as prendas de roupa esquecidas ou distorsionadas do traxe festivo que vestían as mulleres da provincia a finais do século XIX. Poderá verse de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas.

Á presentación de este luns acudiron a directora de turismo de Galicia, Nava Castro; o alcalde de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; o director de El Progreso, Alfonso Riveiro; a deputada provincial de turismo, Pilar García Porto, ou a tenente de alcalde de Monforte, Gloria Prada, entre outras autoridades.

Todos eles coñeceron o contido da exposición da man de Teresa Astorgano, responsable canda o seu home, Antón Sanjurjo, do obradoiro artesán Traxandaina, con sede en Lugo e galardoado o pasado Nadal co premio da Artesanía de Galicia por este exhaustivo traballo de investigación que permite ao público viaxar ata unha época de tecidos feitos na casa en teares de baixo lizo (cando aínda abondaban o liño ou a lá), panos, sedanas, veludos, agremáns feitos a man e, sobre todo, picote, candil ou burel.

En total, a exposición componse dunha compilación de doce pezas antigas rescatadas por Traxandaina nun proxecto enmarcado na programación do Xacobeo. Os concellos escollidos para a súa mostra son puntos lucenses polos que pasan as distintas rutas de peregrinación a Santiago.

Logo de Monforte, por onde discorre o Camiño de Inverno; os traxes irán a Sarria, no itinerario do Camiño Francés; A Fonsagrada e Lugo, destinos do Camiño Primitivo; e Ribadeo, Mondoñedo e Vilalba, atravesados na Mariña polo Camiño Norte.

A EXPOSICIÓN. Recuperar as prendas foi froito de moitos anos de investigación e rescate de pezas gardadas polas descendentes daquelas mulleres que reservaban as súas mellores vestimentas para lucir os días de feira, ir á misa, dominguear ou mesmo casar.

Os doce maniquís amosan unha escolma de prendas de roupa documentadas e recollidas en diversas casas de concellos coma Baleira, A Fonsagrada, Castroverde, O Corgo, Sarria, Portomarín ou Guntín, entre outras localidades.

"Foi posible conservar a roupa das mulleres posto que os homes foron os primeiros en emigrar e os seus traxes perdíanse cando marchaban. Ademais, se había a desgraza de que algún deles morría, a súa roupa queimábase", relatou Teresa Astorgano durante a presentación este luns da mostra.

Na súa intervención, Nava Castro deu moito valor á exposición por favorecer a divulgación "da nosa arte, a nosa cultura e os nosos costumes" nun Xacobeo "distinto". Por outra banda, José Tomé animou a gozar da exposición, que permite, segundo dixo, "mergullarse no pasado". Na mesma liña falou Alfonso Riveiro. O director de El Progreso instou a "mirar a vida cara adiante sen esquecer nunca o pasado".

Comentarios