"As vivencias quiroguesas asoman de maneira constante en todas as miñas obras"

Celia Díaz Núñez, escritora e filla adoptiva de Quiroga, vén de publicar Rugando ou o misterio do cuarto secreto, unha nova edición da novela Rugando
Celia Núñez. EP
photo_camera Celia Núñez. EP

Aínda que naceu no Páramo, a escritora Celia Díaz Núñez criouse en Quiroga, unha terra que segue considerando como o seu paraíso particular. Precisamente, dende o Día das Letras Galegas de 2018 é Filla Adoptiva do concello, marco tamén de moitas das súas obras. A última publicación de Celia Díaz é Rugando ou o misterio do cuarto secreto, unha nova edición da novela Rugando, que viu a luz hai case dez anos.

Que novidades inclúe esta nova obra?
É unha edición corrixida e aumentada, publicada por editorial Galaxia. Non hai diferenzas en canto ao argumento ou aos personaxes, pero si algunhas modificacións no léxico, nos diálogos ou nalgunha escena concreta. Tamén, o desenlace está máis explícito. Incorpóranse títulos a cada unha das partes da novela que axudan a entender mellor a relación entre elas, é dicir, a novela dentro da novela. Ademais, engádese no inicio un mapa dos lugares citados: Samos, A Seara, Montefurado, Rugando. Conta cunha guía de lectura (pode consultarse na web da Editorial Galaxia) con claves interpretativas, enlaces a varios roteiros polos escenarios da novela, unha proposta de actividades e un glosario de termos sobre as ferrerías.

A Ferrería de Rugando, con tanta historia, semella o lugar perfecto para un relato de misterio como o desta obra.
A idea desta novela xurdiu unha tarde en Rugando contemplando o edificio en ruínas da antiga ferrería. Naceu así esta historia de misterio, de intriga e de fantasía que combina o tema das ferrerías tradicionais que elaboraban o ferro extraído nos montes do Courel co tema dos alquimistas que procuran o elixir da eterna xuventude, a inmortalidade. A existencia desde hai uns anos dunha casa rural nese mesmo edificio permitiu incorporar unha trama que acontece en época actual protagonizada por un grupo de rapazas e rapaces que investigan sobre uns acontecementos anteriores.

Na sinopse fala de presente e pasado e pregúntase se son a mesma cousa. Que a leva a pararse nisto?
Esta idea ten que ver coa resolución do misterio planteado na primeira parte da novela. No epílogo descóbrese que o século XIX e o século XXI están máis próximos do que parece, cando menos tendo en conta a peripecia vital dunha das personaxes.

"Con frecuencia escribo a partir de espazos, paisaxes ou lembranzas"

Quiroga ocupa un lugar moi destacado en moitas das súas obras.
Con frecuencia escribo a partir de espazos, paisaxes ou lembranzas. Por tanto, as miñas vivencias quiroguesas asoman constantemente nas miñas obras, unhas veces de maneira evidente, como neste Rugando ou o misterio do cuarto secreto ou tamén en A boca do monte, e noutras de maneira máis sutil como, por exemplo, en Corte e confección ou Unha verdade amarga.

O seu libro Voces da terra, sobre escritores de Quiroga, fixo xa 25 anos. Recentemente, unha asociación colocou unhas esculturas para lembralos, pero pensa que aínda falta máis coñecemento deles entre a poboación?
Paréceme unha idea excelente para dar a coñecer a tantos escritores e escritoras que escolleron Quiroga como territorio literario. Gústanme os lapis de Felipe Piñuela polo seu simbolismo como representación da escrita literaria e tamén desde o punto de vista plástico. Boto en falta o lapis do gran poeta Manuel María porque, ademais da súa orixe quiroguesa por liña materna, a avoa Consuelo, é autor do libro Sonetos ao Val de Quiroga

En Voces da Terra mesmo abordaba a posibilidade de que Federico García Lorca se inspirase no paso do Sil pola contorna nun dos seus Seis poemas galegos.
Ernesto Guerra da Cal escribiu moitos poemas sobre Quiroga, recollidos en diversos libros. Ademais colaborou con Lorca na redacción dos Seis poemas galegos. Foi o seu dicionario vivinte de galego e foi tamén a man que escribiu sobre o papel os versos de Lorca, como se ve na exposición Nós que estes días se pode visitar en Ourense. Ademais, o poema Nouturnio do adoescente afogado parece que se inspira nun suceso real acontecido en Quiroga no ano 1929 que Guerra da Cal lle contou a Lorca.

Rugando gañou o Premio Pura e Dora Vázquez de Literatura Infantil e Xuvenil en 2012. Cal pensa que é a situación da literatura galega entre a mocidade?
A literatura galega conta actualmente con relevantes escritores que están publicando obras de gran calidade. Contamos ademais cunha oferta moi variada. Isto permite que se poidan propoñer lecturas atractivas para a mocidade e dese modo normalizar a literatura en lingua galega.

Comentarios