"A miña primeira opción é a investigación biomédica, que en España debería ter máis apoio"

A chantadesa Mariana Díaz Vázquez recibiu da Universidade da Coruña un premio á mellor nota de admisión no Grao en Bioloxía consistente nun diploma acreditativo e unha axuda de 565 euros. Cumpre un soño ao estudar unha carreira que lle gusta dende que era nena e para conseguilo cre que foi fundamental o apoio do seu instituto, o Lama das Quendas.

Mariana Díaz amosa o seu diploma. EP
photo_camera Mariana Díaz amosa o seu diploma. EP

A súa foi a nota máis alta de todas as que acadaron unha praza no Grao en Bioloxía da Universidade da Coruña. O seu 12,38 valeulle un premio consistente nun diploma acreditativo, que tamén recibiu o seu instituto de procedencia (o Lama das Quendas de Chantada), e unha axuda económica de 565 euros. O seu novo soño é adicarse á investigación biomédica. 

Cando soubo que lle deran o premio, como recibiu a nova? 
Púxenme moi contenta, porque non sabía se a miña era a nota de admisión máis alta. Nas listas iniciais había xente con cualificacións máis elevadas, pero por distintas razóns, coma cambios de universidade ou de carreira, as persoas que as obtiveron non viñeron estudar a A Coruña e a miña acabou sendo a mellor. Comunicáronmo en decembro e o Lama das Quendas recibiu o seu diploma a semana pasada. 

Que lle fixo decantarse polo Grao en Bioloxía? 
É un campo que me gusta moito dende pequena. Sempre o tiven claro. Aínda non o teño decidido ao cen por cen, pero a miña primeira opción é adicarme á investigación biomédica. 

Pois visto o que pasou coa pandemia, non parece mala opción. 
Nesas circunstancias dáste conta de que é algo moi importante e que fai falta. De todos os xeitos, a bioloxía é unha ciencia moi ampla. Aínda teño que avanzar e sempre se pode cambiar de opinión. 

Teño entendido que Galicia e España teñen moito que mellorar no campo da investigación. Non por quen se adica a el, senón polo apoio. 
En Galicia hai másters en biotecnoloxía orientados a iso. Aínda así, si que é certo que igual a mellor opción é marchar e tamén é verdade que se nota a diferenza con outros países. A investigación biomédica debería ter máis apoio en España. Agardo que estes aspectos teñan mellorado cando me toque afrontalo. 

Que tal o seu primeiro ano na Universidade da Coruña? 
Estou moi contenta, porque tanto a carreira como a cidade gústanme moito. Teño familia na Coruña e xa viñera antes moitas veces. O primeiro ano na universidade supón un cambio grande, pero cando che gusta o que estudas e fas amigos, coma é o meu caso, faise máis fácil e resulta moi bonito. 

O Lama das Quendas axudou moito. Tiven dúas profesoras, Gladis e Conchita, moi boas, ás que lles encantaba a bioloxía

Cal foi a influencia do instituto Lama das Quendas para que conseguira tan boa nota e que esta lle permitira acceder a Bioloxía? 
Moi positiva, a verdade. Tiven sorte, porque os profesores apoiáronnos moito tanto a min coma os meus compañeiros. En segundo de bacharelato falaron moito con nós e nos axudaron a conseguir os nosos obxectivos. 

Algún profesor de Bioloxía puido ter responsabilidade en que a vostede lle guste tanto ese campo? 
Tiven dúas profesoras moi boas, Gladis e Conchita. Ás dúas gustáballes moito a Bioloxía e notábaselles, porque o pasaban moi ben dando clase. Reflectíase o seu entusiasmo. Estaban contentas de que me interesase tanto a súa materia. Ademais, a miña nai fixo tres cursos de Bioloxía e a miña tía tamén estudou esta carreira. 

Como foi estudar o bacharelato en tempos de pandemia? 
Diferente. Houbo que adaptarse ao que había. Considérome afortunada, porque os nosos profesores mantiveron sempre o contacto con nós e mandáronnos traballo malia estar ás veces na distancia, aínda que eu nunca tiven que faltar a clase por estar confinada e creo que ningún dos meus compañeiros de clase tampouco. É certo que había que manter as medidas de seguridade, pero leveino bastante ben. 

E o confinamento de 2020? 
Pasóuseme rápido. Estiven ca miña familia en Chantada. Facía moitos traballos e dábamos clase online, así que non o levei mal.

Comentarios