"A miña etapa no colexio de Sober foi a máis influente, moldeou a miña persoa"

Susana Rodríguez, médica soberesa especialista en Medicina Física e Rehabilitación, dá este xoves unha charla aos nenos do colexio Virxe do Carme
Susana Rodríguez, a la derecha. EP
photo_camera Susana Rodríguez, a la derecha. EP

A doutora soberesa Susana Rodríguez, que traballa dende hai 25 anos en Barcelona, imparte este mércores unha videoconferencia aos nenos do colexio da súa vila, onde ela comezou, con motivo do Día da Nena e da Muller na Ciencia.

Como se atopa antes de falar para os estudantes do que no seu día foi o seu colexio?

Nerviosa, é difícil explicar e chegar a nenos tan pequenos. Non será doado, pero intentarei convencelos de que loiten por cumprir os seus soños ou, se non os teñen, tranquilizalos porque os van atopar, coa axuda das súas familias e os seus mestres. Cada un deles é un ser único e non fai falta vivir nunha cidade para adicarse a algo polo que se sente paixón.

En que punto se atopa o papel e a presenza da muller na ciencia?

Mellorouse, pero hai moito por facer. Os maiores problemas xorden á hora de conciliar. Para facer o traballo e estar pendente da casa compre que as tarefas estean igualmente repartidas.

Hai máis homes ou mulleres no mundo da ciencia?

Coido que hai máis homes, pero a cada paso medra o número de mulleres. No meu campo, a medicina, cada vez se ven máis e nas facultades as mulleres son entre o 60 e o 70% do alumnado.

Existe en Medicina o estereotipo de que eles son sempre médicos e elas, sempre enfermeiras?

Si que houbo e hai aínda esa idea, pero cada vez é menos frecuente ese estereotipo. Xa digo que nas facultades de Medicina medrou moito o número de mulleres. Descoñezo se nas carreiras que son máis técnicas ocorre o mesmo.

Como vai motivar os alumnos do Virxe do Carme?

O máis importante é que loiten por facer o que máis lles guste e que lle adiquen a esa actividade moitas horas. A motivación é fundamental e a ciencia ten moitas posibilidades, que por suposto van máis alá da medicina. Os nenos deben apostar por aquelo no que sexan bos. Son pequenos, pero seguro que atoparán algo no que destacarán e que lles apaixoará.

Vostede estudou no colexio Virxe do Carme. Canta importancia tivo na súa formación?

Foi, sen dúbida, a etapa máis influente. Os seis primeiros anos de vida son os máis importantes para un neno e estudar no medio rural é moi especial. Levo fóra de Sober moitos anos, pero síntome de alí cando escoito novas sobre a que é a miña casa emociónome. Por iso faime ilusión que me chamen para falarlles aos nenos e nenas do colexio. Ser de Sober moldeou moito a miña persoa.

Comentarios