Manuel Moure: "Queremos que o BNG volva ao pleno logo de oito anos"

Miguel Moure. EP

Gandeiro de 41 anos, asume o posto ocupado nos últimos anos por André Labandeira co reto de recuperar o terreo perdido na vila pola formación

O novo responsable local do BNG en Chantada é veciño da parroquia de San Miguel do Monte e chega con dous obxectivos. Por unha banda, recuperar a representación nacionalista no pleno da corporación e, pola outra, favorecer un cambio no goberno municipal.

Con que metas asume a responsbilidade do BNG en Chantada?

Queremos traballar para que a nosa formación volva ao pleno logo de oito anos fóra e que iso sirva para desbancar á dereita. En definitiva, buscamos que Chantada mellore.

Nas dúas últimos eleccións municipais, o BNG non conseguiu representación. Que análise fan do que puido pasar?

Hai anos houbo unhas escisións que racharon moito o BNG en Chantada. A formación quedou desmantelada e André Labandeira traballou moito tempo baixo mínimos. Agora hai un grupo moi amplo, con xente moi nova que ten moitas gañas de traballar. Nas últimas municipais non nos foi ben, pero nas autonómicas o BNG en Chantada tivo un grande apoio, por riba da media do resto da provincia. Agora toca aproveitar ese ascenso para que se reflicta a nivel local. Estamos traballando bastante e facendo as cousas ben para volver ter concelleiros no futuro.

Como van intentar ter visibilidade sen representación no pleno?

As redes sociais axudan moito e acabamos de sacar un boletín con información. Sacaremos algún máis para chegar ás casas e tamén procuraremos estar onde haxa algún problema para axudar a solventalo, como fixemos coas rutas escolares do Xoán de Requeixo. Nos últimos días estivemos na casa do concello para preguntar polo punto de acopio dos plásticos agrícolas, que pechou sen previo aviso. Iso xerou problemas e fomos preguntar que hai que facer agora. Algo sempre dás feito se hai gañas.

A sensación que deixa a agrupación local do BNG é que está composta por xente moi nova.

Nas últimas eleccións, a nosa lista tiña unha media de idade moi baixa, con persoas novas e moi válidas con ánimo de colaborar e a zona sur de Lugo é unha das que máis actividade de Galiza Nova ten. Iso é moi importante, porque garante non só o presente, senón tamén o futu