Lemos: "Crear novas oportunidades laborais, económicas e sociais para Monforte é a miña prioridade"

O candidato á alcaldía de Monforte polo PP amosa a súa satisfacción para liderar este novo reto

Miguel Lemos coa xunta xestora do PP. EP
photo_camera Miguel Lemos coa xunta xestora do PP. EP

MIGUEL LEMOS aglutina xuventude, gañas e un firme compromiso con Monforte para presentarse á alcaldía. Tal é así, que non dubida en amosar a súa satisfacción para liderar este novo reto, e faino dende a humildade que debe imperar nunha responsabilidade deste tipo, pero tamén como un veciño que se sinte profundamente orgulloso de ser monfortino, de vivir e de desenvolver a súa profesión nesta localidade.

Precisamente, este sentimento e paixón polo seu pobo motivaron que aceptase ser o candidato do Partido Popular, pero, sobre todo, ser o impulsor do cambio que precisa Monforte.

Miguel Lemos empregarase a fondo para crear novas oportunidades laborais, económicas e sociais, así como en dotar a esta cidade, que é cabeceira de comarca, de mellores servizos, reducir a elevada taxa de paro que rexistra e en impulsar medidas que favorezan a calidadede vida dos máis maiores.

Quere ser un alcalde a pé de rúa; un alcalde próximo, que escoite aos seus veciños e dea solución ás súas demandas.

Defínese como un home de equipo, polo que se sinte profundamente agradecido a todas as persoas e compañeiros que lle están a botar unha man para deseñar un proxecto gañador e de futuro para este municipio.

Eficacia na xestión dos gobernos do PP

O popular promete así, proximidade e eficacia na xestión; a mesma que caracteriza aosgobernos do Partido Popular. Proba delo, destaca, é o investimento que está a realizar a Xunta de Galicia, e que vén de ser refrendad orecentemente co anuncio por parte do conselleiro de Sanidade de 15 millóns de euros para mellorar o hospital.

Trátase dunha importante cantidade económica e dunha necesaria actuación que demostra que, co PP, Monforte avanza.

Por tanto, dende a súa condición de alcaldable, pero tamén como facultativo médico, non dubida en amosar a súa satisfacción polo compromiso do Goberno autonómico, pois permitirá situar a Monforte no mapa sanitario galego en canto a calidade asistencia e unhas instalacións sanitarias propias século XXI.

As obras comezarán nos vindeiros meses. Un dos servizos que máis se verá beneficiado é o hospital de día, no que reciben quimioterapia os doentes oncolóxicos. Concretamente, a Xunta de Galicia pretende aplicar as mesmas reformas que dita administración está a levar a cabo nos últimos anos na rede sanitaria pública galega, entre as que se inclúe o impulso da asistencia ambulatoria e a mellora das condicións de ingreso dos doentes.

Neste senso, para o alcaldable tamén é destacar que estes traballos non alterarán o funcionamento dos servizos. Comezarase por anatomía patolóxica, farmacia e o hospital de día; tres áreas nas que a consellería prevé rematar antes de que remate o ano. En total as actuacións afectarán ao edifico principal, que dispón de 10.000 metros cadrados.

E dentro do apoio á industrialización, destaca a vontade colaboradora da Xunta de Galicia para a conexión da N-120 co solo industrial de Monforte.

Escoita permanente

Por este motivo, e convencido de que é o Partido Popular a única forza política con capacidade e persoas para converter a Monforte na cidade que foi, adianta que en marzo retomará as reunións cos distintos axentes económicos e sociais do municipio.

O fin destes encontros é seguir trazando a súa folla de ruta e que os cidadáns comproben que o PP é alternativa de goberno que precisa esta localidade.

Compromiso ineludible cos maiores

O compromiso ineludible do Goberno de Feijóo tamén se demostra, segundo destaca o popular, na atención aos maiores, pois, na actualidade, o Executivo autonómico sufraga o 90% desta prestación. Só esta administración leva investidos en diferentes servizos aos monfortinos uns 5 millóns de euros.

PERFIL

Idade: 37 anos.
Profesión: Médico.
Naceu en: Monforte de Lemos.
Formación: Licenciado en Medicina pola USC.