Miguel García: "Hai tantos eventos que se dispararon os prezos"

É o presidente do colectivo Trece Roeis, pero iso é anecdótico. O seu é un traballo de equipo e o reto da asociación é que a xente goce co festival e con todas as actividades que organizan, que están moi vinculadas á nosa cultura, á nosa terra e á xente que habita nela
Miguel García, primeiro pola ezquerda, con outros integrantes de Trece Roeis. EP
photo_camera Miguel García, primeiro pola ezquerda, con outros integrantes de Trece Roeis. EP

A VINDEIRA fin de semana chega Trece Roeis, un festival que colle forza en Pantón e que trae novidades.
A primeira edición do Trece Roeis foi no 2019. A de 2020 tivo que suspenderse pola pandemia e no 2021 houbo festival en formato reducido.

Como foi organizar a edición deste ano?
Foi complicado. Anque recuperamos parte do programa que quedou suspendido en 2020, engadimos cousas novas. Aumentamos un día de actos, polo que tamén se incrementa o orzamento e a xestión, pero o peor é que este ano hai moita saturación de eventos e iso provoca unha suba importante en todos os custes. Hai moita inflación. Diría que o máis sinxelo foi contratar os grupos, pero hai toda unha loxística que rodea aos festivais que se fai complexa e xorden atrancos cada pouco. 

Cal é a esencia do Trece Roeis?
Diriamos que é un festival para todos os públicos no que a música é o fío condutor pero tamén lle dá un papel prioritario á gastronomía e que está moi pegado á nosa terra e á nosa cultura. O que a nós nos gustaría é que toda a xente que se achegue, veña da comarca ou da outra punta do país, veña contenta e que iso repercuta para ben en Pantón e en toda a súa xente.

Que novidades inclúe o programa deste ano?
Estreamos un apartado literario e poético. Teremos presentacións e recitais con Clara Vidal e Daniel Asorey que estarán acompañados por Ricardo Rodicio. A maiores, temos un espazo vitivinícola no Mosteiro do Divino Salvador. Está prevista unha cata de viños con Mayra Ratón (técnico da D.O. Ribeira Sacra e da D.O. O Ribeiro) e un obradoiro sensorial. Temos adegas patrocinadoras e outras colaboradoras e por iso consideramos que o viño tiña que coller máis peso dentro de toda a programación.

Dentro da música, cales serán os puntos fortes do programa?
O esencial é que moitas bandas das que participan traerán os seus novos traballos a Pantón. É o caso da Banda da Loba, que trae o disco Xabón Lagarta, ou de Lágrimas de sangre que presenta tamén Armónico Desorden. MJ Pérez tamén trae novidades e tampouco faltarán bandas emblemáticas como Boikot, El Drogas ou Heredeiros da Crus, con moito tirón. Facemos unha aposta moi forte pola música da zona da man de Searas, Muy Montes ou Baturruka. A maiores, temos grupos galegos que colleitan moitos éxitos. É o caso de Festicultores, moi consolidados, ou de O Leo de Matamá e Breocáns, entre outros.

Xa pensan no 2023?
Temos algunha cousiña mirada e algunha xestión rodando, pero nestes días estamos centrados ao cento por cento no deste ano.

Trece Roeis ten máis actividades ca este evento.
No mes de xullo facemos a Batalla de grupos. Veñen bandas emerxentes que cantan e galego. Cremos que é algo moi diferente ao habitual, anque temos que recoñecer que lle está costando rodar.

Comentarios