Miguel Areán: "As pragas e a gran distribución impiden avanzar no mercado"

É o xerente de Castañas Naiciña, unha empresa familiar chantadesa que apostou pola terra para conquistar o mundo. Os padais máis esixentes xa se renderon ás delicias que saen de Chantada, pero a asignatura pendente é reintroducir a castaña na cociña do día a día.

Miguel Areán, nas instalacións de Castañas Naiciña, en Chantada. ARCHIVO
photo_camera Miguel Areán, nas instalacións de Castañas Naiciña, en Chantada. ARCHIVO

Miguel Areán para pouco e por iso ten chegado lonxe. Derrubou fronteiras e hoxe comen castañas de Chantada ata en Xapón. O reto está agora en petar ás portas das cociñas lucenses, que se resisten a recuperar o alimento que tanta fame leva quitado. 

Levan décadas traballando por dignificar a castaña. Houbo moito que sachar? 
Esa é a expresión, moito que sachar. Moitas portas ás que tocar, viaxes, horas sen durmir, pero aínda hai que seguir sachando. 

Pero co terreo máis traballado. 
A nivel estatal, o produto elaborado xa se coñece máis que hai anos, sobre todo no ámbito profesional, na hostalería e na repostaría, pero no ámbito doméstico aínda non. 

En Galicia perdeuse o hábito de cociñar con castañas. 
Tal vez por complexo. Era o alimento que quitaba a fame e hoxe é produto gourmet. Estase recuperando grazas a moitos cociñeiros que apostaron por ela, tanto para cociña tradicional como innovadora. Este podería ser un bo momento para a castaña porque o consumidor valora o produto vexetal. Non ten graxa saturada, nin alérxenos, nin glute. É moi versátil na cociña, case un superalimento. 

Entón cal é o problema? 
Hai varios problemas que impiden avanzar na distribución. É a pescada que morde o rabo. Necesitamos chegar a máis consumidores, pero temos un atranco coa produción. Houbo unha caída salvaxe polas pragas. Outro problema para a comercialización é que os grandes distribuidores non son receptivos ao produto, que eles consideran estacional e de pouca rotación. 

Ten máis aceptación nas tendas pequenas? 
Si, no comercio especializado, de alimentación de alta gama. 

E as pragas teñen amaño? 
Empeza a recuperarse o volume de produción. En Galicia a caída foi grande, pero menor que noutros países porque xa as vimos vir e actuouse para frealas. 

Hai que recuperar os soutos antigos polo seu valor ambiental, pero para producir castaña apostamos polos novos

Canta castaña necesitan? 
As nosas instalacións poderían recepcionar ata 1.300 toneladas de castañas. Nun ano normal entran unhas 800 toneladas. Desde que empezou a praga son menos porque esiximos unha calidade moi elevada e a produción que cumpre eses parámetros é limitada. 

Onde a compran? 
En Galicia e no norte de Portugal. Toda é da especie Castanea sativa, non queremos castañas híbridas nin asiáticas. 

En Galicia aínda hai soutos abandonados. Pódese mellorar o seu aproveitamento ou é mellor apostar por plantacións novas? 
A postura que mantemos desde a IXP Castaña de Galicia é que o futuro está nas novas plantacións, ordenadas e con criterios profesionais do século XXI, onde se garantice unha produción de alta calidade e se facilite o traballo con maquinaria. Apañar a castaña a man non a fai mellor. Pero quero deixar claro —e isto escríbeo con letra grande— que tamén é necesario conservar os soutos antigos, pero por criterios de valor ambiental, que é incalculable. Non foron pensados para producir castaña. Eran plantacións para obter biomasa, vigas de madeira e froito de distintas variedades que viña entre setembro e decembro. Ese tipo de souto non responde ás nosas necesidades. Buscamos un produto cun perfil que permita competir en calidade con outros países. 

Ata onde chegan as castañas de Chantada? 
Exportamos ao Reino Unido, Suíza, Portugal, Austria, Alemaña, Países Nórdicos, Estados Unidos, Nova Zelandia, India e Xapón. 

Hai algún país que pida algo diferente? 
Hai que adaptarse á normativa técnica e aos controis de calidade de cada país. Por exemplo, nos Estados Unidos os procesos térmicos son diferentes que en Europa. E para Xapón, por exemplo, elaboramos un produto específico, un puré doce cunha formulación e unha textura especial para eles. No Xapón a castaña é sagrada. É o país do mundo con máis alto consumo de castaña per cápita. Esixe moita calidade. 

É máis difícil comprar Castañas Naiciña en Lugo que en Xapón. 
Falta unha aposta da gran distribución que nos permita chegar ao consumidor de a pé. Só na hostalería, no comercio tradicional e en supermercados con sección gourmet defenden o noso produto. 

Pois non será por opcións porque vostedes presentan a castaña de todos os xeitos posibles para facilitar o consumo. 
Fresca, seca, cocida, en fariña, pelada e conxelada, en almíbar e transformada en patés, cremas... 

Queda algo por inventar? 
Por suposto. Cando durmimos mal ocórrensenos moitas cousas. O difícil é poñelas en práctica porque cada nova liña de produto require un investimento grande en tecnoloxía.

Comentarios