"O meu principal inimigo é o tempo, teño déficit del"

Ramón Rodríguez Porto é un chantadés moi polifacético. Poesía, teatro, viño e, ademais, é parte do elenco do filme 'As Bestas', que está de celebración logo da gala dos Goya.
Porto, ante a igrexa vella de Chantada cun dos seus inseparables puros. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Porto, ante a igrexa vella de Chantada cun dos seus inseparables puros. MIGUEL PIÑEIRO

Logo do seu éxtio nos Goya, son moitos os que van estes días ao cinema para ver As Bestas. Os que son de Chantada e a súa contorna sorpréndense ao ver un rostro coñecido, o de Ramón Rodríguez Porto. Pero, lonxe desta aparición no filme do momento, ten unha extensa traxectoria.

Comezou moi cedo na escritura.
Si, tiven esa inquedanza dende sempre. En 1982, con 18 anos, entrei como colaborador deste xornal en Chantada e pouco despois publiquei o meu primeiro poemario, que leva por título Unha noite de poesía.

Nestas catro décadas obtivo moitos recoñecementos.
Fun acadando algúns premios coa miña poesía, como o da Casa de Galicia de Sestao, o premio López Abente ou o Miguel de Cervantes, que se dá en Alcázar de San Juan (Cidade Real). O ano pasado recibín o Bacelo de Prata da asociación Álvaro das Casas polo uso do galego na miña adega, Terras Bendaña, que me fixo moita ilusión, pois sempre trato de potenciar o noso idioma.

E o teatro foi antes ou despois?
Antes, xa cando estaba no instituto. Despois, nos noventa, formei o grupo Faro-Miño e, ademais, participo en Sacarina e colaboro con Son de Aldea.

Con que queda do teatro?
A mellor parte é, sen dúbida, subir ao escenario. Somos un grupo bastante versátil, pero caracterizámonos pola comedia, que, sobre todo nos lugares pequenos, sempre ten éxito.

Algunha anécdota?
Hai moitas. Lembro, por exemplo, que ao Valadouro fomos doce veces, porque había veciños que non daban cartos para a festa se non estaba o noso grupo no cartel. Eso é grazas aos espectaculares compañeiros que pasaron por el, máis de 20.

Pero ademais de actuar, Faro-Miño tamén organiza.
Si, a Mostra de Teatro Maruxa Villanueva, que xa superou as 30 edicións. É un evento atractivo que ten moita aceptación e nos catro días que se celebra, na véspera das patronais, xunta unhas 2.000 persoas.

Pero o seu último papel foi no cine, no filme ‘As Bestas’.
Así é, foi unha grande experiencia, na que nos trataron estupendamente, tanto a min como ao resto de actores afeccionados. Formámonos dous días en Madrid e logo estivemos outros dez gravando no Bierzo. Eu ía facer outro papel, pero era en castelán e pedín facelo en galego, polo que ao final saín menos.

Celebrou o Goya?
Por todo o alto! Os actores afeccionados que participamos temos un grupo de WhatsApp e durante a gala non deixaban de chegar mensaxes de celebración. Eu xa apostara con Zahera que ía ganar el a estatuíña. Sorprendeume que non levase nada ‘Alcarràs’, cando foi o filme escollido para os Oscar; eu creo que o perfil de ‘As Bestas’ encaixaba mellor para iso.

Poesía, teatro, cinema... pero sendo de Chantada tampouco podía faltar o viño.
É outra das miñas paixóns, unha herdanza do meu bisavó que trato de manter.

É difícil sacar tempo para todo?
Ese é o meu principal inimigo, o tempo (risas). Teño un déficit de tempo incrible e ás veces non dou feito. O que está claro é que non me dá para aburrirme.

Comentarios