O Meco da Ermida brinda cun viño propio

A adega Casa de Outeiro presentou un mencía dedicado ao protagonista desta romaxe que busca ser declarada BIC ► Parte dos beneficios polas súas vendas serán entregados á asociación de veciños para o mantemento desta tradición
O Meco en acción. C.J.G.
photo_camera O Meco en acción. C.J.G.

Non é o habitual, pero a ocasión ben o merecía. O Meco adiantouse ao 8 de setembro e saíu o venres ás rúas da Ermida con motivo da presentación dun viño na súa honra. Detrás desta iniciativa está a adega local Casa de Outeiro, que sacará ao mercado máis de 40.000 botellas coa imaxe dos protagonistas desta singular romaxe de remota antigüidade.

"Detrás deste viño hai un pobo que loita por manter as súas tradicións", indicou Juan Luis Vázquez, un dos impulsores da adega, que asinou un acordo con Begoña Losada, presidenta da asociación Souto do Val, que agrupa os veciños da Ermida e San Vitoiro, e cos pedáneos destes núcleos.

undefined

A través dese documento, Casa de Outeiro entregará durante os próximos 25 anos unha parte dos beneficios pola venda deste mencía para que o colectivo manteña viva esta tradición, que intentarán que sexa declarada como Ben de Interese Cultural (BIC).

"É un trámite complicado, pero ímolo perseguir", avanzou Begoña Losada, que considera que este viño axudará "a dar visibilidade á figura do Meco e actuará como un bo embaixador, polo que a proposta nos pareceu unha boa idea dende o primeiro momento".

Meco, Viño de Romería é un Ribeira Sacra elaborado con uvas do val de Quiroga. Chama a atención pola súa etiqueta, na que se pode ver o mural sobre esta romaxe que pintou o artista Yoseba MP no centro da vila a iniciativa da asociación Quiroga en Marcha.

O acto contou coa presenza dos veciños da Ermida, os membros da Confraría do Viño de Quiroga e moitas autoridades, como a xefa da área provincial de Turismo en Lugo, Paloma Vázquez, ou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera.

Roberto Castro, presidente do xeoparque Montañas do Courel, destacou que esta iniciativa de Casa de Outeiro "responde á filosofía do xeoparque, que é un proxecto de desenvolvemento económico que utiliza a xeoloxía como eixe e no que todo ten espazo".

A presentación deste viño rematou no adro da igrexa da Ermida, onde o Meco e As Pampórnigas representaron a súa danza tradicional. Todo isto acompañado do sabor dun viño que tansmite territorio e unha longa tradición.

undefined

Ambicioso proxecto

A adega botou a andar no ano 2019 coa adquisición dos terreos da casa que lle dá nome e a posterior plantación dun viñedo de 25 hectáreas visible dende todo o val.

É parte do grupo empresarial Socratea, que neste 2023 celebra o seu décimo aniversario e que conta tamén cun hotel no centro de Quiroga. Dende os seus comezos, a súa intención "foi poñer esta zona no mapa", dixo Juan Luis Vázquez, que avanzou novidades en relación ao seu proxecto máis ambicioso: a reconstrución da Casa de Outeiro, en ruínas.

Imos dedicar as nosas vidas a este proxecto"

Trátase, recoñeceu, dunha "promesa" á que accederon ao adquiriren a propiedade e para a que xa deron os primeiros pasos. Vázquez explicou que son beneficiarios dunha subvención do Goberno para elaborar o proxecto básico de rehabilitación.

Deste xeito, saberán canto custa levantar o edificio para abrir unha adega, un hotel de catro estrelas, salas de catas e un lugar para banquetes. "Imos dedicar as nosas vidas a este proxecto", concluíu.

Comentarios