PRESIDENTA DO CLUB DE FÚTBOL MONFORTE

Mariluz Parada: "Ver mulleres no fútbol xa non é un tema tabú"

Leva na directiva do CF Monforte dende a súa fundación hai dez anos e nove coma presidenta. É unha das dúas mulleres á fronte dun club na comarca. Sempre foi afeccionada. Ten dous irmáns máis vellos cos que xogaba e era dianteira nos torneos que se facían nos colexios.
Mariluz Parada, no local social do CF Monforte. L.A.R.
photo_camera Mariluz Parada, no local social do CF Monforte. L.A.R.

Despois de nove anos, segue con folgos ou tocará relevo pronto?
É moito tempo e está claro que non vou estar de presidenta eternamente. É difícil atopar xente para traballar nunha actividade totalmente altruísta na que participan máis de 150 pequenos. Polo momento sigo ilusionada e todas as dificultades que se presentan compénsanse vendo como adestran, xogan e medran os nenos.

Bótanse en falta máis mulleres dirixindo clubs de fútbol?
Está claro que temos a mesma capacidade que os homes e á vista está. Na comarca só somos Mercedes Arias (SD Chantada) e eu, pero en Galicia e preto de Monforte hai máis. En Velle (Ourense), por exemplo. Trátase de xestionar con sentido común.

Como ve unha exxogadora o auxe do fútbol feminino?
Alégrome de que xa non sexa un tema tabú. Agora é moi común ver xogadoras e mulleres en directivas coma a do Monforte, onde somos tres. Queda moito traballo por facer, de todos os xeitos. Hai que ir pasiño a pasiño.

Hai quen fala de que é máis difícil atraer agora aos rapaces e rapazas para xogar ao fútbol.
Iso din os antigos futbolistas, que antes a xente mataba por xogar. Un dos nosos adestradores, Julio Corral, ten moito fútbol enriba e comenta que había moito máis compromiso e non se faltaba un día a adestrar malia que as condicións eran moito peores. Agora que todo son comodidades parece que hai máis preguiza. Tiran máis os videoxogos.

E cal pode ser a solución?
Eu véxoo máis coma unha cuestión da sociedade e non tanto dos nenos en concreto. Hai outro tipo de cultura e todo evoluciona de xeito distinto. As mellores solucións sempre son a educación e a transmisión de valores e aí o fútbol debe xogar un importante papel. Facemos o que podemos.

Como van celebrar os dez anos de existencia do CF Monforte?
Temos previstas varias actividades, pero iremos sobre a marcha tendo en conta que temos o que queda desta tempada e a que vén enteira. Faremos charlas e conferencias con xente coñecida, de referencia para os rapaces, e tamén temos en marcha un concurso de fotos coa temática do décimo aniversario. A semana pasada estivemos no Anxo Carro vendo o partido entre o CD Lugo e o Tenerife como parte do programa de celebración.

Con que se queda desta década?
Aínda non conseguimos ningún ascenso a Liga Galega, pero chegará co tempo. Fixemos un bo traballo cos torneos e as xornadas de convivencia e encántame a presentación dos nosos equipos a comezos da tempada. Non coñezo moitos clubs que o fagan e son un éxito. Tamén destaco os nosos actos sociais e colaboracións coas entidades que máis o precisan.

Que é máis difícil, marcar goles ou dirixir un club?
Dirixir un club, sen dúbida. É moi complicado resolver os problemas e ter contento a todo o mundo, porque nunca chove a gusto de todos. Ademais temos que sacar os cartos de onde sexa e cada vez é máis difícil pedir ou que che dean, despois das crises.

Comentarios