O confinamento de...

María Vázquez: "Na casa establecemos unha rutina para facer cos nenos e non paro en todo o día"

María Vázquez. EP
photo_camera María Vázquez. EP

Onde está a pasar o confinamento?
Nas Casas Novas, en Santiago, onde vivo. Teño sorte, porque esta é unha zona moi rural, case coma unha aldea. A miña familia e eu temos unha finca con lavadoiros e unha horta para plantar. Estes días facémolo máis do habitual.

Como o soporta, que cousas fai día a día?
A verdade é que non paro. Teño dous fillos, un neno e unha nena, e tratamos de que o leven o mellor posible sen ocultarlles o que está a ocorrer. Establecemos unha rutina. Levantámonos, almorzamos, facemos meditación e ioga en familia e logo adicámonos ás tarefas do cole, aínda que dun xeito algo máis libre. Inventamos unha serie de xogos que lles permiten divertirse e aprender ao mesmo tempo. Logo, coma se fora unha especie de recreo, baixamos á horta. Se fai bo tempo comemos fóra e pola tarde fixamos unhas actividades máis extraescolares coma bailar, tocar un instrumento ou debuxar. Tamén facemos un noticiario para que expresen como están e ter a familia informada. Cando se deitan, a miña parella e eu adicamos tempo a ler e manter o contacto coa nosa profesión para volver coa maior forza posible. As fins de semana adicámolas máis aos vermús e cafés en familia ou ás videochamadas de rigor.
 

Que será o primeiro que fará cando saia?
Ir á casa dos meus pais, en Carballedo. Bótoos moito en falta e eles a nós tamén. O segundo que me gustaría sería tomar uns viños por Chantada, pero creo que para iso haberá que agardar un pouquiño máis de tempo.

Que lección saca de todo isto, positiva e negativa?
O mellor é sentir que vivía apresurada e que é necesario ter máis calma, gozar do presente. Xa sei que soa a tópico, pero iso é o que sinto. Isto foi unha lavazada para deternos e valorar o que temos. Considérome unha privilexiada, porque hai xente que o está a pasar moi mal. O peor é que tiven que deixar de ver certas noticias nas redes, porque hai movementos moi negativos e bulos que o único que tratan é de asustar á xente e meternos nun estado de psicose que non traería nada bo.

Comentarios