María Núñez: "Estiven preto da crise de ansiedade na pandemia"

Despois de 42 anos na docencia, dos que pasou 19 no colexio Novo e 14 na dirección, chegou o momento de xubilarse. Marcha co cariño e aprecio que lle amosaron as familias, os nenos e os compañeiros e co orgullo de ter continuado a boa dinámica que traía o centro.
María Núñez no parque de xogos do centro. M.PIÑEIRO
photo_camera María Núñez no parque de xogos do centro. M.PIÑEIRO

A semana pasada fixéronlle unha despedida sorpresa. Como foi?
Veu o presidente da anpa e tívome 20 minutos no despacho facéndolle fotocopias, sen deixarme saír. Despois apareceu a orientadora do colexio (Ceip Monforte) para dicirme que había un problema e tiña que ir correndo. Ao saír pola porta xa vin unha fila de nenos de Infantil cun globo e un corazón na man. Dinme conta entón de que era un acto de despedida. Estaba todo o centro. Fixen un percorrido baixando e subindo escaleiras, por onde se atopaban todos os nenos.

Algunha bágoa caería.
Ao principio aguantei ben, pero cando cheguei diante do cole e vin que estaban todos sentados nas escaleiras da entrada cunha pancarta que poñía ‘Siempre en nuestro corazón’ non puiden resistir máis. Chorei moito.

Supoño que unha homenaxe así di moito sobre o seu traballo.
E mira que lles boto moitas broncas, pero penso, con toda a humildade do mundo, que os nenos valoran, sobre todo, que cando fan algo ben felicítoos, non dou por sentado que é o que teñen que facer. Se hai que corrixir fágoo procurando que non se sintan mal, senón que entendan por que algo non se debe facer e reconduzan a súa conduta. Non busco culpables. Ninguén fai as cousas mal adrede.

Con que se queda da súa etapa no colexio Novo (Ceip Monforte)?
Coas aprendizaxes, o cariño e o respecto que me amosou toda a xente. Para min a chave da docencia é paciencia, prudencia e empatía cos demais e comigo mesma. Cando te equivocas tes que pensar que es coma todos e cometes erros. Sempre teño presente unha frase que dicía un compañeiro, Guillermo, que foi director aquí. Empezar unha guerra é sinxelo, rematala sen feridos resulta moi complicado. 

Atrévome a afirmar que a pandemia foi o peor momento.
A pandemia foi horrible. No primeiro ano estiven dúas veces a piques de ter un ataque de ansiedade, algo que nunca me pasara. Dúas veces sentín que estaba no límite, descontrolada e desbordada. Tiña que atender os profes por un lado e os nenos e as familias polo outro e todo estaba moi no aire, non sabías como resolver.

Como era e como é o colexio Novo despois de María Núñez?
Eu o que fixen foi continuar a dinámica do colexio e intentar mellorar en todos os ámbitos, tanto a nivel de instalacións como de recursos e posibilidades para mellorar a aprendizaxe dos nenos. Aínda así, e non é falsa modestia, un equipo directivo só non fai nada, necesita o apoio dos seus compañeiros e as súas familias. No noso caso, sempre nos sentimos arroupados. Temos que ser unha gran familia que quere o mellor para os nenos.

No futuro está a xubilación. Hai máis medo a botar de menos ou ilusión polo tempo libre?
Sempre gocei co meu traballo, pero teño moitas cousas pendentes. Supoño que haberá de todo na nova etapa. Algúns días botarei de menos o colexio, pero noutros aproveitarei moito o meu tempo, que ata o de agora foi bastante limitado.

Comentarios