Margarita Rodríguez Otero, pregoeira das festas patronais de Monforte

A escritora, cronista oficial da cidade dende 2006, será a encargada de inaugurar os días de celebracións o vindeiro 10 de agosto
Margarita Rodríguez Otero, cun exemplar da súa novela 'Unha xoia para o Káiser'. AEP
photo_camera Margarita Rodríguez Otero, cun exemplar da súa novela 'Unha xoia para o Káiser'. AEP

Margarita Rodríguez Otero será este ano a pregoeira das festas patronais de Monforte. O alcalde, José Tomé, destacouna como "unha figura moi importante na historia recente de Monforte e moi querida polos monfortinos e monfortinas". O rexedor amosouse convencido "de que contribuirá co seu pregón a que moitos se animen a vir ás nosas festas".

A lectura será o mércores 10 de agosto. Margarita Rodríguez Otero, nada en Monforte en 1934, é empresaria, investigadora histórica, escritora e cronista oficial de Monforte dende o seu nomeamento en 2006. Ademais foi a primeira muller da historia de Galicia en ser deputada provincial. Tamén ocupou un escano no Parlamento autonómico durante a terceira lexislatura, iniciada en 1989.

Graduada Social e Técnica superior en Relacións Industriais pola Universidade de Alcalá de Henares, en 1977 fundou en Monforte a asesoría que leva o seu nome. Tamén se desenvolveu coma vicepresidenta da asociación de mulleres empresariais de Lugo (1975) e formou parte da primeira xunta xestora da asociación de empresarios de Lugo (1976).

Vida política e carreira coma escritora. En 1979 presentouse polo PSdeG-PSOE á alcaldía de Monforte. Saíu elixida concelleira, posto que compaxinou en 1983 co de deputada provincial. En 1987 entrou no goberno municipal coma primeira tenente de alcalde e concelleira de cultura e deporte. Durante a súa xestión inaugurouse a actual casa da cultura de Monforte, en xuño de 1987.

Ao rematar o mandato incorporouse ao seu despacho profesional e unha vez xubilada adicouse de cheo á investigación histórica, a súa gran paixón. É destacada e coñecida a súa faceta coma escritora, con diversas obras publicadas, sempre relacionadas coa historia e a cultura de Monforte e Galicia.

Coa súa sinatura publicáronse os estudos históricos Andrés García-Camba de las Heras, militar, político y escritor e Tierras de Lemos, historias, tradiciones y recuerdos. Tamén escribiu as novelas Os documentos Fonterosa, El secreto del Almirante, Confidencial: eliminar al rey e Unha xoia para o Káiser.

Margarita Rodríguez Otero colabora habitualmente coa Revista Lucense de Creación poética Xistral e ca revisa Anduriña, do Lar Galego de Sevilla. Igualmente impartiu conferencias en foros culturais e ten publicados máis de 100 traballos de investigación histórica en diversos medios, xornais e revistas especializadas.

Comentarios