Manuel Ángel Vázquez: "Non hai que agocharse ante a palabra cancro"

Foi elixido presidente de Chantada contra o Cancro, un colectivo de 139 socios, hai un ano. Entrou con moita ilusión e disposto a transmitir a súa positividade. El mesmo padeceu un cancro de pulmón en estadío IV, con metástaste cerebral, e despois de cinco operacións e tempos duros, saiu adiante
Manuel Ángel Vázquez, en Chantada. M.P.
photo_camera Manuel Ángel Vázquez, en Chantada. M.P.

¿Con que proxectos e ideas asumiu a presidencia da asociación?
O ano pasado tivemos baixas na directiva, así que iniciamos a renovación e na sesión constitutiva da nova xunta fun elixido coa maioría dos votos dos socios. A miña clara intención é axudar a todo o mundo que o precise e orientalo co exemplo do que eu pasei. Hai que ter a mente positiva e non agocharse ante a palabra cancro, o cal prexudica moito máis. É importante levantar a cabeza e andar, non quedar quieto. A mentalidade é pensar que vas sanar. Eu saín, malia que o meu diagnóstico era moi difícil.

Vostede mesmo pode transmitir a súa experiencia, que foi dura.
Diagnosticáronme en agosto de 2013 cancro de pulmón en estadío IV con metástase cerebral. Quedáronme secuelas e non foi un proceso fácil, ao principio depriminme, pero estou contento porque volvín a nacer. Teño moita positividade e paixón pola vida e agradezo a todos os profesionais do Sergas, que me atenderon de xeito inmellorable.

¿Que lle diría a alguén que estea pasando agora polo seu proceso? 
Que mire para adiante e pense no futuro e na vida, que teña paixón por vivir. Non conduce a nada ser negativo. Eu nunca agochei as palabras teño cancro. Dicilo en público e non esconderse é importante. Non me considero unha persoa forte, pero si moi positiva e agarrada á vida.

¿Que hai que facer para ser socio de Chantada Contra o Cancro?
Só ten que poñerse en contacto con nós a través do número de teléfono 641.45.27.42 ou do correo electrónico [email protected]. Nestes anos de pandemia, dende 2020, non cobramos cuota e tampouco o faremos en 2023. Ademais, pronto teremos aberta unha oficina no parque Eloísa Rivadulla, nun horario asequible para todos.

Son coñecidas as andainas solidarias de Chantada Contra o Cancro. Haberá máis?
Estamos moi satisfeitos coas tres que puidemos organizar. Sempre foron moi ben acollidas polos veciños da vila e dos arredores, con centos de participantes. Tiñamos preparada unha cuarta para o 31 de maio de 2020, pero o covid-19 obrigounos a suspendela. Iso si, retomamos algunhas actividades, como unha charla o pasado día 21 sobre os beneficios do leite materno, aplicados ao cancro, que impartiu a nosa veciña Cristina Fente Sampayo.

¿Que iniciativas hai pensadas para o futuro máis próximo?
Seguiremos coa atención psicolóxica e faremos charlas sobre coidados paliativos, alimentación, fisioterapia e logopedia. A ruta solidaria está pendente de definir e decidir, aínda que será complicado. Tamén teremos obradoiros, como o de deixar de fumar, e terapias de grupo.

¿É imprescindible ser socio para contar con estes servizos?
Non. Esta asociación ten sempre as portas abertas para calquera que queira petar nelas. Ser socio ten as súas vantaxes, pois os obradoiros ou terapias de grupo son gratuítos nese caso e a axuda psicolóxica dispón de importantes descontos. Pero os non socios son benvidos e atendidos.

Comentarios