Manolo Martínez: "Axudar as xogadoras é o máis importante para min"

No ano 1979 comezou a súa traxectoria coma profesor e adestrador e lembra con moito afecto as etapas en Chantada e Monforte. Foi o seu pai quen lle inculcou cando era neno a paixón polo deporte, que continúa a día de hoxe. Pensou moito nel cando subiu pola distinción.
Manolo Martínez, co diploma, a medalla, no pavillón da Pinguela. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Manolo Martínez, co diploma, a medalla, no pavillón da Pinguela. MIGUEL PIÑEIRO

Din que está moi sorprendido coa Medalla ao Mérito Deportivo de Galicia.
Si que me sorprendeu moito. En primeiro lugar, porque estes premios non se convocaban dende 2018 e segundo, porque nin pensaba nel nin o esperaba. Hai pouco comunicáronme extraoficialmente que me darían unha sorpresa e máis tarde chegou o anuncio oficial.

De que ou de quen se lembrou cando recolleu a distinción?
Da miña vida profesional e deportiva, coma se fora un repaso mental. Lembreime primeiro de Chantada e de todo o traballo que fixemos alí cos nenos e tamén cos equipos de balonmán e de fútbol. Despois pensei en Monforte e nos inicios do traballo co voleibol. En canto ás persoas, pensei no meu pai, que foi quen me inculcou o deporte. Fíxome socio do Lemos cando era neno (emociónase).

Vostede é unha figura moi recoñecida do deporte, pero sobre todo do voleibol. A que se adica actualmente Manolo Martínez?
Son unha especie de coordinador deportivo no Ribeira Sacra, encargado da dirección deste apartado do club e da organización de partidos. Xa non adestro, aínda que manteño a licencia, porque é posible que nalgún momento da tempada teña que botar unha man ao corpo técnico, pola coincidencia de partidos. Tamén asisto a ver todos os adestramentos que podo.

Que lle queda por facer?
Non teño ningunha meta fixada. Só quero que o Ribeira Sacra siga aí, sacando xogadoras e axudándoas a medrar para que nun futuro gañen algún diñeiro co voleibol mentres estudan. Para min o máis importante sempre foron as deportistas. Saray González é a décima rapaza do Ribeira Sacra que entra na selección española permanente en Soria. Algunhas coma Noelia Sánchez, Jennifer Mendoza ou Carolina Camino mesmo chegaron á absoluta.

É posible que Monforte volva ter un equipo sénior do nivel da Pinguela, en Superliga?
Non diría que é imposible, pero si moi difícil, sobre todo por unha cuestión económica. É complicado que Monforte poida manter un equipo nunha categoría tan alta. Fai falta un gran traballo de captación e progresión que, ademais, agora está facendo, e moi ben, o Emevé en Lugo.

Como ve o nivel de voleibol actual do Ribeira Sacra?
Hai unha mellora respecto á tempada pasada grazas á incorporación de 30 nenas novas. Consolidamos o convenio co Concello de Quiroga e entraron algúns colexios de Monforte a traballar con nós. Teño moita esperanza pola ilusión que vexo nas nosas adestradoras, aínda que é posible que o Ribeira Sacra non acade as cuotas de antes. Ao haber división no voleibol monfortino faise difícil chegar a un nivel tan alto.

E do deporte monfortino?
Hai un bo nivel, tanto individual como colectivo, e aí están os éxitos de clubes coma o Quixós ou o Neka. Vexo unha mobilización de rapaces moi positiva cara o deporte, que transmite valores coma o respecto aos contrarios ou os adestradores e aparta de camiños que son moi nocivos.