Un lume nunha cheminea causa importantes danos nunha casa de Monforte

O dono do inmoble deu aviso rapidamente aos servizos de emerxencias, que traballaron arreo para impedir que as lapas consumiran a casa
Estado no que quedou o teito da casa afectada polo lume. EP
photo_camera Estado no que quedou o teito da casa afectada polo lume. EP

Un lume orixinado nunha cheminea dunha casa unifamiliar de Monforte causou importantes danos materiais na mesma, sen ter que lamentar ningún persoal. Os feitos aconteceron sobre as once da mañá deste xoves, cando no servizo de emerxencias da Xunta recibiuse unha alerta do propietario da vivenda.

Ata o lugar do suceso, situado nun camiño ao que se accede desde a ronde urbana María Casas Baamonde e onde funciona a clínica veterinaria Canis, desprazánronse varias dotacións de bombeiros do corpo comarcal, que traballaron arreo para impedir que as lapas consumiran a casa.

Lograron que o lume só afectase á cheminea e a unha parte do teito do salón onde estaba o fogar desta. Tamén sufriu danos o faiado da vivenda.

Os danos foron cuantiosos debido a que o teito era de madeira e o aillante empregado no seu día na construción da casa era poliestireno expandido (porexpan).

Iste diario puido saber que a boa sorte aliñouse co dono da casa, pois no momento do incendio estaba no seu interior e foi quen de dar rapidamente o aviso de alarma. Doutro xeito, as lapas terían esnaquizado a construcción totalmente.

Desde o corpo comarcal de bombeiros recordaron a necesidade de manter en bo estado de limpeza as chemineas. Dixeron que o ideal é limpalas durante o veran para que estean listas para o outono e o inverno.

Todos os anos por estas datas son moitos os avisos de lumes debido á combustión da feluxe que se vai acumulando no tiro da cheminea.

Comentarios