"O lume arrasou as cruces de Vilar, non quedaron nin os restos"

A vida segue no Courel tras os incendios. A Asociación Fonte do Milagro, que preside Evaristo Méndez, ten a vista posta no Vía Crucis de Vilar, para o que se ven obrigados a refacer as cruces do camiño entre a aldea e a ermita de San Roque.
Evaristo Méndez, en Froxán, durante a Festa da Pisa. SANTIAGO BAZ
photo_camera Evaristo Méndez, en Froxán, durante a Festa da Pisa. SANTIAGO BAZ

O Courel avanza na súa recuperación logo dos lumes que afectaron o municipio o pasado verán. Asociacións como Fonte do Milagro, de Froxán, traballan arreo para, dentro do posible, devolver o seu esplendor á serra. Evaristo Méndez é o seu presidente dende 1999, cando se creou.

Están co Vía Crucis de Vilar do Venres Santo. Como vai?
Temos que refacer todo. Das 14 cruces, unha por paso, que instalaramos no camiño entre Vilar e a ermita de San Roque só quedaron dúas e en mal estado. O resto desapareceron, non atopamos nin os restos. Farémolas os membros da asociación e veciños de Vilar con restos de castiñeiros. Tamén se perderon unhas candeas que se levaban na dianteira e que estaban gardadas no museo de Xan.

Cando recuperaron este acto?
Hai algo máis de 20 anos. Comentaranolo algún veciño e o cura que había daquela en Vilamor era moi activo e pareceulle unha idea estupenda, pois ademais de cultural é unha manifestación relixiosa, que se perdera na década dos sesenta.

E dende entón medrou moito.
Sen dúbida, foi crecendo máis e máis ata congregar centos de persoas; é demasiado para un espazo pequeno, pero non é doado poñer límites.

A que hora será a saída?
Polo que sabemos, inicialmente facíase de noite, pero polo estado do camiño consideramos que é mellor organizalo a unha hora na que haxa luz natural, polo que marcamos a saída para as 13.30 horas, como nos últimos anos.

E, así, seguen traballando na volta á normalidade. Como vai?
A normalidade total vai ser imposible, porque non podemos recuperar soutos de 300 ou 400 anos, pero queremos poñer unha primeira pedra. É laborioso e leva moito tempo, polo que toda axuda é ben recibida. O souto de Vilar, por exemplo, quedou arrasado ao 99% e hai que retirar o queimado. Iso non sei fai nun día, hai que empezar xa e precisamos que axude a administración.

Precisamente, nos últimos meses están recibindo axuda de iniciativas como a dos ciclistas do Épico ou da chef Lucía Freitas, cunha Estrella Michelín.
Si, e estamos moi agradecidos. Coa xente do Épico puxemos árbores en varias parcelas de Vilar, Vilamor e Froxán que limparamos previamente e Lucía aportounos un talón de 600 euros e segue recadando diñeiro. Os veciños tamén recibiron axuda doutras empresas, como Vegalsa, que aportou 1.000 euros.

Freitas estivo tamén na Festa da Pisa da Castaña. Que tal foi?
Todo un éxito! Houbo moito ambiente, a xente animouse a vir visitarnos. Pero o certo é que temos un límite de capacidade e, aínda que os veciños abren fincas para aparcar, non é doado xestionalo cando veñen milleiros de persoas a un lugar onde viven 16 ou 18 veciños pola semana.

Como están os ánimos?
Foi pasando a sensación dos primeiros días e un vaise afacendo. A mágoa é que a xente máis maior está pouco motivada de cara á repoboación. Neste sentido, colaboramos na organización dunha charla o domingo en Folgoso para intentar captar axudas para plantar castiñeiros.

Comentarios