Luis Fernández: "Goberne quen goberne, o plan único debería manterse. É vital para os concellos"

O músico Luis F. Guitián sempre dixo que quería ser alcalde do seu concello, algo que acadou en 2011. Dende aquela está centrado en facer de Sober un lugar do que os veciños actuais non queiran marchar e ao que chegue xente nova. O emprego, a través do viño e o turismo, e os servizos son as súas armas para conseguilo

Luis Fernández Guitián, diante da casa consistorial. TOÑO PARGA (alcalde de Sober)
photo_camera Luis Fernández Guitián, diante da casa consistorial. TOÑO PARGA

LUIS F. GUITIÁN pecha agora o segundo mandato á fronte do Concello de Sober da man do PP. Anuncia ademais que se presentará de novo ás eleccións.

Como resumiría o mandato que está a piques de rematar?
Fixemos grandes esforzos para mellorar os servizos de saneamento e abastecemento. A través do plan único da Deputación e das axudas da Xunta logramos ampliar ambas redes. Considero que, goberne quen goberne, o plan único debería manterse porque está plantexado de xeito que son os concellos os que deciden os investimentos que priorizan.

Hai pendente algo nese ámbito?
Si. Acabamos de aprobar os presupostos deste ano e van novos proxectos de abastecemento de saneamento. Hai que ter en conta que en Sober hai 22 parroquias e case 300 lugares. Moitas das obras estamos a facelas por fases porque hai que cubrir moito territorio. Tamén é importante levar estes servizos ás adegas e aos aloxamentos turísticos, que son os que moven a economía do municipio.

Programamos moitas actividades en horario non escolar para favorecer a conciliación dos pais e o desfrute dos cativos

Tamén levaron a cabo proxectos importantes en infraestruturas.
Logramos saldar débedas case históricas. Levabamos moito tempo solicitándolle á Deputación que tomase medidas coa estrada que comunica Sober e Doade, unha das principais vías do municipio polo tráfico relacionado co turismo que move. Fíxose a ampliación dun tramo, contratouse o ensanchamento doutro quilómetro e medio e quedan pendentes dous quilómetros. Están tamén comprometidas as obras para eliminar o punto negro da vía de Telleiros, que era prioritario.

No presuposto de 2019 hai un grande esforzo en servizos sociais.
Sober é un concello moi dual. Os nosos veciños son moi lonxevos, pero tamén temos moita poboación nova que se está asentando aquí e que ten cativos. Temos que darlles servizos a uns e a outros. Na atención aos maiores estamos continuamente ampliando as horas dos servizos de axuda co apoio da Xunta. Tamén temos un amplo programa de actividades nas parroquias para traballar polo envellecemento activo. Para os cativos estase a ampliar o comedor do colexio porque o número de alumnos aumenta. A maiores, programamos moitas actividades en horario non escolar para favorecer a conciliación dos pais e o desfrute dos cativos. Así logramos conter a despoboación, seguimos perdendo veciños, pero houbo unha certa desaceleración.

Cal é o segredo diso?
Temos case 40 adegas e varias empresas, principalmente do sector turístico, que están a crear traballo en Sober. A iniciativa privada está funcionando moi ben. No Concello temos unha política de vivenda que está animando á xente a asentarse na zona.

Sober é o único municipio que ten unha zona Ari para case todo o seu territorio

Por exemplo?
O Concello mercou media ducia de vivendas que entrarán nun programa da Xunta de alugueres a prezos baixos para xente nova. Tamén está licitada a creación doutros tres domicilios dentro dun programa de vivendas modulares e a previsión é chegar ata oito. A maiores, Sober é o único municipio que ten unha zona Ari para case todo o seu territorio. Iso implica que a rehabilitación de vivendas no medio rural conta con axudas. Levamos cinco fases do programa e actuouse nuns 150 inmobles.

O viño e o turismo son os faros de Sober.
Son os dous compoñentes que marcan o presente e o futuro da Ribeira Sacra. Eu aposto neste ámbito de falar de Ribeira Sacra en conxunto porque creo que a unión nisto é indiscutible. A marca é Ribeira Sacra e a promoción hai que facela en conxunto, aínda que despois cada alcalde leve a cabo as iniciativas que considere adecuadas. En Sober este ano tivemos a gran noticia de que Hotusa, unha empresa seria, se fai cargo do palacio de Sober e abrirá as portas dun complexo de primeira magnitude. Tamén están as adegas, as empresas de servizos e as de aloxamentos. Para completar todas estas iniciativas privadas o Concello ten en marcha a creación dun hostel, tamén asumimos a mellora da rede de miradores e facemos moitos esforzos para que funcionen o mellor posible eventos coma a Feira de Amandi ou a da Rosca.


MOI PERSOAL
"Teño dúas fillas e elas son o mellor xeito de desconectar"

Volve presentarse?
Esa é a idea. Estamos avanzando na configuración da candidatura. Haberá xente que repite e novas incorporacións pero o reto é seguir traballando por Sober.

O Guitián alcalde deixalle oco ao Guitián músico?
É certo que o Concello rouba moitísimo tempo. Sempre está un atado pero tento tocar o clarinete na casa porque me gusta e para non perder facultades.

Voltará á banda?
A idea que teño sempre na mente é esa. Cando as circunstancias o permitan quero regresar aos ensaios e formar parte dos concertos.

Ademais da música, algunha outra alternativa para desconectar do día a día na alcaldía?
Teño dúas fillas, de oito e seis anos, así que elas ocupan o pouco tempo que teño libre. Calquera plan do que formen parte elas é perfecto para escapar da rutina e dos enredos dos Concello. Medran rápido e quero desfrutar esta etapa con elas. Así que tento facer o posible para viaxar con elas e participar nas súas actividades.

Tamén están o fútbol, a viña e outras paixóns.
O fútbol cada vez me quita menos o sono. Sigo aos equipos locais, o Sober e o Río Sil, e ao resto, de xeito esporádico. O viñedo implica moita adicación, pero tamén é unha actividade que aporta tranquilidade.

Non faltou na comparsa do Entroido.
É moi divertido e unha forma máis de compartir tempo coa familia e cos veciños.

Curiosidades
Un concello de 2.301 veciños


No ano 2010 Sober tiña 2.599 habitantes segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE) e pechou o 2018 con 2.301. Desa cifra, 1.021 son maiores de 64 anos e 155, menores de 16. No 2017 o saldo vexetativo foi de menos 54 veciños, con 65 defuncións e 11 nacementos. O pasado ano a cifra reduciuse, pero o IGE aínda non ten o dato.

Nenos e maiores
O colexio de Sober ten 65 alumnos este curso, fronte aos 38 que tiña en 2010. No Punto de Atención Infantil están ocupadas as 20 prazas e hai lista de espera. Tamén hai un total de nove centenarios.

Economía
En Sober están situadas 40 adegas da denominación de orixe Ribeira Sacra. Tamén hai unha trintena de negocios de aloxamentos turísticos entre casas rurais, apartamentos e vivendas de uso turístico. A iso hai que sumar unha ducia de empresas que prestan servizos relacionados co turismo e unha vintena de negocios hostaleiros. O viño e o turismo son nichos de emprego.

Comentarios