lunes. 12.04.2021 |
El tiempo
lunes. 12.04.2021
El tiempo

"Unha residencia propia era de xustiza para non ter veciños espallados por toda Galicia"

Julio Yebra-Pimentel, rexedor de Carballedo. TOÑO PARGA
Julio Yebra-Pimentel, rexedor de Carballedo. TOÑO PARGA

Desde o 1983, hai 35 anos, leva Julio Yebra-Pimentel encadeando maiorías absolutas en Carballedo ► O alcalde máis veterán da Ribeira Sacra afirma que está con forzas e animado para seguir

TIÑA SÓ 28 anos cando os veciños de Carballedo o elixiron rexedor por primeira vez. Aos 63, Julio Yebra segue no mesmo cargo e neste tempo aínda non apareceu ninguén que fora capaz de discutirlle a alcaldía. Entre as súas maiores preocupacións recentes atópase o mal estado da N-540.

Está satisfeito cos arranxos feitos ata agora na N-540?
Aínda non está ben de todo, pero mellorou. Tamén o peor tramo, que é o de Chantada, ten outro aspecto. Tivemos que presionar moito desde os concellos para que se fixera un arranxo emerxente no que se invertiron tres millóns de euros. Aínda hai pendente unha partida de conservación de seis millóns e outra de novo investimento que chega aos catro e que ao mellor non hai que usar. O que queremos é que se conserve como merece unha estrada que une Lugo con Ourense e pola que pasan máis de mil coches cada día, ademais de moito tráfico pesado.

Como está o proxecto da autovía A-56 que pasaría polo seu concello?
Agardamos que o tramo entre San Martiño e A Barrela estea rematado no 2019. Nos orzamentos do Estado hai unha partida de dez millóns para empregar este ano e de once para o vindeiro. O que máis nos preocupa é que se lle dea continuidade á autovía, porque é moi importante para o interior de Galicia.

Outra estrada da que se falou moito ultimamente é a que conecta A Barrela, a capitalidade do seu municipio, con Cea.
Foi unha demanda importante deste goberno municipal e tamén dos veciños. Comezaron as obras hai mes e pico e están a todo gas. Contamos que en 15 días estean rematadas, agás que veñan condicións atmosféricas adversas.

Que importancia ten a residencia de maiores e en que punto se atopan as obras para construíla?
Case era unha cuestión de xustiza que Carballedo contase cunha residencia de maiores e centro de día propios para que moitos dos nosos veciños vivan preto das súas familias e non estean espallados por toda Galicia. A obra rematou hai meses e xa instalamos todo o mobiliario necesario, é dicir, que o máis difícil está feito. Agora queda resolver toda a burocracia necesaria para obter as autorizacións da Xunta. Era unha demanda constante da xente, probablemente a maior petición dos veciños, e estou desexando que abra. A residencia terá 24 prazas e o centro de día, 20.

Neste mandato tamén foi noticia o obradoiro de emprego compartido con Chantada. Que balance fai del?
É moi importante porque ten unha dobre función. A primeira, a de desenvolver obras necesarias para o concello. Grazas aos alumnos do obradoiro de emprego evitamos o deterioro do edificio do antigo centro de saúde, no que agora seguiremos traballando para abrir un centro cultural e local social, e fixemos o peche perimetral do campo de fútbol, no que instalamos céspede artificial para recuperar a actividade deportiva, moi apagada por unhas instalacións que estaban obsoletas. Por outra banda, axudamos a formar a moitos veciños para que atopen traballo. Non todos, pero moitos deles conseguírono.

Despois de tantos anos coma alcalde, cal diría que é a súa gran materia pendente?
Pode que sexa o polígono industrial. Firmouse o proxecto no ano 2005, pero aínda non se desenvolveu. A obra está moi ligada á construción da autovía A-56, porque os parques empresariais teñen que estar pegados ás vías de comunicación importantes. Nos últimos tempos estamos en conversas para instalar un polígono máis pequeno ca o que se pensou inicialmente. Sempre digo que ás veces é mellor facer algo máis reducido, pero con máis perspectiva de futuro.

En xeral, parece satisfeito co seu último mandato.
Son unha persoa optimista, pero non estou contento ao cen por cen. Nunca saen todas as xestións como un quere e os recursos dos concellos son escasos. Aínda así, Carballedo mellora pouco a pouco. O equipo de goberno traballa e os veciños valórano. Levamos a cabo moitas iniciativas menos visibles, coma mellorar o saneamento e as traídas nas aldeas.


"O único segredo que teño é ser próximo aos meus veciños"

Leva como alcalde 35 anos. Volverá a presentarse ás eleccións?
O máis probable é que si, pero pode haber imprevistos. Aí atrás tiven problemas de saúde e estaba mal físicamente. Cóidome, fago máis exercicio e estou máis animado ca noutras etapas porque percibo moito compromiso da Xunta con nós, sobre todo a través do seu delegado en Lugo, José Manuel Balseiro. Tamén me condiciona que, aínda que son farmacéutico, logo de tantos anos un case non sabe facer outra cousa.

Cal é o segredo para gañar as eleccións de xeito tan contundente durante tanto tempo?
Non teño ningún. Pode que si o hai sexa a proximidade coa xente. Nunca fago causas persoais, consulto cos veciños cada paso e procuro xestionar ao gusto da maioría, sen impoñer o meu criterio. O pobo case sempre ten a razón. Hai que captar a opinión maioritaria, tela en conta á hora de actuar e traballar ao máximo. Aínda así, non son Superman. É imposible ter a todo o mundo contento sempre, pero si que procuro facer as cousas de maneira colectiva e non tomar decisións premeditadas.

Actualmente ten na oposición o PSOE e o BNG. Como é a súa relación con eles?
Moi cordial desde hai tempo. Eles teñen os seus criterios e están formados por persoas moi preparadas, que entenden como debe ser a nosa relación. Eu tamén sei ver cando teñen razón para facer algo que propoñen. Eles pensan de maneira distinta a min, pero un Concello é un órgano de xestión.

Curiosidades
No concello hai máis vehículos que veciños


Unha das curiosidades do concello de Carballedo é que ten máis vehículos que veciños. Os datos do Instituto Galego de Estatística recolle a existencia de 2.266 habitantes, de eles 1.141 son homes e 1.125, mulleres. En canto aos vehículos rexistrados, son 2.370, dos que 1.740 son turismos.

Saldo vexetativo
Coma a práctica totalidade dos concellos da Ribeira Sacra, Carballedo ten un saldo vexetativo negativo. Os datos dicen que o ano pasado naceron sete pequenos e morreron 45 persoas, o que fai que o índice de envellecemento de Carballedo se sitúe no 601 por cento.

Actividade
En Carballedo hai 227 empresas adicadas á agricultura. No sector industrial están rexistradas 14; na construcción, 27; e en servizos, 77. Neste último sector traballa a maioría das persoas ocupadas no concello, en concreto 475. En agricultura hai 254 afiliados; en industria, 65; e na construcción, 54.

"Unha residencia propia era de xustiza para non ter veciños...
Comentarios