José Varela: "Ilusióname que a xente vexa a obra que fago"

Presentou en Chantada (sábado 6 de agosto ás 20.00 horas na Praza do Cantón) unha versión moi particular e teatral da famosa novela ‘El Principito’. Unha peza coa que pasar un bo anaco e gozar dunha historia atemporal, para nenos e adultos que queren contactar coa súa infancia.
José Ramón Varela, na Praza do Cantón. M.P.
photo_camera José Varela, na Praza do Cantón. M.P.

É a primeira vez que actúa en Chantada?
Tiña moitas gañas, malia que aínda non o pensei moito. É certo que sinto esa ilusión de que a xente que quero vexa o traballo que fago por todos os sitios aos que vou e polo que sempre preguntan. 

Como xestiona os nervios?
Normalmente non me poño nervioso. Se me pasa considero que son nervios sans. Unha vez empezas a actuar vanse. Pode que nesta ocasión, por ser en Chantada, me poña un pouco máis nervioso do habitual. Lémbrame un pouco a cando actuaba nas clases de Arte Dramático, diante dos compañeiros e compañeiras. A maioría do público vai ser coñecido, e iso por unha banda posiblemente supoña unha visión máis crítica, pero tamén será máis especial porque os comentarios serán con afecto e sinceros.

En Chantada non lle faría falta nin presentarse.
Adoito presentarme antes e contar o que vou facer, pero en Chantada coñécenme moito, así que en principio non farei.

Que atopa o público que ve a súa obra?
É un espectáculo de entre 40 e 45 minutos. É unha adaptación teatral de El Principito, unha obra moi narrativa que houbo que preparar para este xénero. Non foi doado, porque non se trata dunha historia demasiado teatral, que digamos. Comezo cun pai de familia presentando ao seu fillo diferentes situacións. Logo o fillo atópase con algo escrito polo pai que é a obra de ‘El Principio’. Así comeza a actuación, que insisto en que é unha adaptación da novela. Eu vou interpretando aos distintos personaxes ata chegar ao final, co pai e o fillo xuntos outra vez e cunha aprendizaxe.

É unha obra só para nenos ou cre que os adultos tamén se van divertir con ela?
Por así dicilo é unha obra de catro a 125 anos (ri). Pode que en Chantada lle dea un toque máis ‘gamberrete’. Pero si que o público principal é o infantil. Aínda que tamén lles gustará aos adultos que queiran volver ser nenos durante un anaco.

Quere orientar a súa carreira ao público infantil?
Non, estou aberto a todo tipo de teatro. Durante a carreira fixen todo o contrario a obras infantís. Pero descubrín algo novo que me encanta. É unha chorrada cando din que o público adulto é máis válido. O feedback cos nenos é moi directo. Se o pasan ben coa obra nótalo en seguida e se non, tamén. E son moi sinceros.

Foi con esta obra por toda España. É o que toca para vivir do teatro? Viaxar e sacrificarse?
Por suposto. É unha chorrada adicarse a este mundo pretendendo só vivir cómodo. Se che gusta falo para calquera, en calquera sitio e en calquera momento. Non busco tanto os cartos como gozar do meu traballo e facer que a xente pase un anaco agradable.