José Manuel Ortigueira: "A nosa pretensión é potenciar o Camiño e tamén a economía rural dos municipios"

Falamos co director do Camiño de Inverno. De Ponferrada a Compostela
José Manuel Ortigueira. I.L.
photo_camera José Manuel Ortigueira. I.L.

A exposición fotográfica Camiño de Inverno. De Ponferrada a Compostela chega á casa da cultura de Monforte co obxectivo de mostrar as xentes e paisaxes desta ruta xacobea. José Manuel Ortigueira Bobillo é o director e autor do proxecto, promovido pola Asociación Alumni Universidade de Santiago de Compostela (USC), co respaldo do programa Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia.

Como xorde a iniciativa dunha exposición itinerante sobre o Camiño de Inverno? A orixe é un proxecto da Universidade de Santiago de Compostela, que foi quen presentou esta inciativa dentro do plan O teu Xacobeo 2021. E despois, grazas ao financiamento público-privado puido saír adiante. O que pretende é potenciar o Camiño de Inverno. Mostrar as heroínas e anfitrións desta ruta, é dicir, as persoas que traballan por e para o Camiño e que se encargan de protexelo: persoal de albergues, relixiosos, asociacións, habitantes das zonas polas que discorre... Destacaría tamén as paisaxes das Médulas, Montefurado, Belesar, lugares moi emblemáticos, e as D.O. Valdeorras e a Ribeira Sacra, xunto o Xeoparque Montañas do Courel.

Cando e como comezou esta aventura fotográfica? As fotografías, unhas 50 en total, comecei a facelas no ano 2016. A primeira delas mostra os 50 anos do descenso do Sil en Sobradelo, e a última fíxena no outono pasado, así que recollen catro anos de historias e vivencias que tiven con moitas persoas do Bierzo, Valdeorras... Despois de falar coa xente que está no Camiño a idea que xorde é a de facer un plan de desenvolvemento xeral do Camiño do Inverno cun esforzo de coordinación entre todas as asociacións de municipios polos que discorre. Na mostra teñen un lugar destacado Quiroga e O Courel.

Por que motivo? O Camiño entra por Quiroga e na exposición facemos un alto alí porque ten un lugar destacado o seu Museo Etnográfico, que colaborou con nós, ao igual que o Ecomuseo de Arxeriz (O Saviñao). Tamén contamos cun panel que mostra o Xeoparque do Courel. A nosa pretensión, ademais de dar a coñecer o Camiño, é potenciar a economía rural. No caso de Quiroga poñer en valor o aceite, a zona do Sil-Lor, o Xeoparque do Courel, os produtos locais como as castañas, viños, ou Margaride do Lor.

Por que deberíamos de visitar Camiños de Inverno? Para ver o Camiño e os seus lugares fermosos. Aparecen imaxes da igrexa de Diomondi e Santa María de Nogueira, a considerada a Capela Sixtina Galega, entre outras. Hai que convidar á xente a que faga o Camiño e darlle a coñecer esta ruta alternativa ao Camiño Francés para evitar as neves do Cebreiro. A exposición poderase visitar desde mañá ata o 21 de agosto, grazas a colaboración do Concello de Monforte. A entrada é de balde.

Comentarios