Inaugurado o belén de Sober, feito por un centenario

Ruperto Álvarez foi construíndo as pezas desde que tiña 97 anos
O belén de Sober. EP
photo_camera O belén de Sober. EP

O Concello de Sober inaugurou este sábado o seu belén de Nadal, cuxas pezas foron feitas por un veciño de Vilaoscura, Ruperto Álvarez, que este 2020 cumpriu cen anos.

O belén está exposto na entrada da Casa da Cultura e poderá visitarse ata despois do día de Reis.

As pezas, máis de cen, foron feitas polo veciño de Sober desde que cumpriu 97 anos e ata os 99. Foron todas elaboradas con diferentes tipos de madeira. Entre as curiosidades figura unha banda de música na que se atopan os colegas de Ruperto cando era mozo. Tamén hai un carro con uvas, un río polo que discorre a auga e os Reis Magos, que son galegos. 

O propio Ruperto foi o encargado de inaugurar o belén, nun acto no que tamén estivo a súa familia, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias.

O Concello de Sober agradécelle a Ruperto e á súa familia poder amosar o belén na Casa da Cultura, "unha verdadeira obra de arte que convidamos a visitar", explica o alcalde.