Teresa González: "A imaxe exterior reflicte o noso estado de saúde"

Teresa González é a responsable do centro Tempus de Monforte. Asegura que "nas perruquerías hai un ambiente de familiaridade que creo que pode axudar ás clientas e clientes a coidar a saúde. Por iso instalamos un punto para medir a tensión arterial e tamén un desfibrilador".
Teresa González, cos novos aparellos de Tempus. EP
photo_camera Teresa González, cos novos aparellos de Tempus. EP

O centro estético Tempus de Monforte será en breve un centro cardioprotexido e tamén contará cun punto para medir a tensión arterial. Estas ideas valéronlle a Teresa González unha axuda da Xunta de Galicia para mulleres empresarias da liña Activa.

Como xorde o plan de ter un centro cardioprotexido?
A verdade é que foi unha evolución. Un día escoitei unha noticia na radio na que se dicía que as barberías dos Estados Unidos, especialmente aquelas a onde vai a poboación negra, contaban con aparellos para medir a tensión. A idea pareceume moi boa, anque aquí nas farmacias xa hai ese servizo, pero nas perruquerías hai un ambiente de familiaridade que se presta a que alguén mentres agarda poida pedir que lle miremos a tensión, só a nivel informativo.

E iso derivou na instalación dun Desa (Desfibrilador externo semiautomático).
Efectivamente. Intentando ampliar información sobre os tensiómetros vin tamén os Desa, que xa se instalan en edificios públicos, en espazos deportivos... Tendo en conta que hai máis de 50.000 paradas cardiorespiratorias ao ano en España e que máis da metade teñen un bo pronóstico se se atenden rápido, pareceume adecuado mirar de poñer un.

O persoal de Tempus está formado para atender unha urxencia?
Fixemos un curso para o manexo do desfibrilador e agora estamos recibindo formación para iniciar unha manobra RCP (reanimación cardiopulmonar) se fose necesario. É importante ter unha base e, como nos indicaron nestes cursos, se xorde unha urxencia temos que chamar a Emerxencias de inmediato e seguir as súas instrucións e as do propio Desa, que xa che vai indicando os pasos a dar. En ningún momento nos imos crer sanitarios, ogallá nunca teñamos que usar o Desa.

E para o uso do tensiómetro?
Tamén estamos facendo unha formación. Tanto para o aparello como para entender os valores que aporta. Se vemos algo que non está dentro das medias recomendarémoslle aos clientes que se acheguen á farmacia ou ao centro de saúde. Nós non somos sanitarios, insisto.

Por que decidiron dar este paso?
Hai xente que vén ao centro unha vez á semana, mentres agardan poden ter unha referencia da súa tensión. Ao fin, nós atendemos a beleza exterior, pero iso tamén é un reflexo da saúde interior. Para vernos ben por fóra, hai que estar ben por dentro.

A idea valeulles unha axuda da Xunta de Galicia.
Si, hai unha liña de axudas para mulleres empresarias consolidadas que queiran facer algunha cousa nas súas empresas. A nosa máxima é a da evolución constante e estas subvencións son unha oportunidade para iso. Somos unha das poucas empresas do sur de Lugo que entrou no programa.

Cando funcionarán eses servizos en Tempus?
Creo que cara finais de ano estará todo listo. Xa temos os aparellos e só nos falta rematar a formación do equipo.

Comentarios