O IES A Pinguela tomou contacto coa tradición zoqueira con Elena Ferro

A recoñecida artesá impartiu un obradoiro para estudantes do instituto monfortino
Elena Ferro, durante o obradoiro. IES A PINGUELA
photo_camera Elena Ferro, durante o obradoiro. IES A PINGUELA

A recoñecida e innovadora zoqueira Elena Ferro, gañadora en 2019 do Premio Nacional de Artesanía, impartiu un obradoiro para os estudantes do ciclo medio de Calzado e Complementos de Moda do instituto monfortino A Pinguela.

O alumnado puido entrar en contacto cun oficio tradicional e, ao mesmo tempo, coñecer unha novidosa iniciativa que permitiu a transformación e supervivencia dunha actividade que semellaba condenada a desaparecer.

Elena Ferro é a muller que está detrás da marca Eferro. Herdou do seu avó un obradoiro familiar inaugurado hai máis de cen anos, en 1915, en Merza, no concello pontevedrés de Vila de Cruces.

Das súas mans saen artigos que mesturan vangarda e tradición. Elena Ferro colleu os míticos zocos que calzaban os labregos galegos, que semellaban completamente desfasados e en desuso, e deulles outro aire. Coa súa elaboración e rechamantes cores, este calzado volve lucir nos pés dos habitantes de Galicia, pero en contextos moi diferentes aos de antes.

EN MONFORTE. Os alumnos viron en directo unha mostra do traballo artesán de Elena Ferro, que ampliou o seu campo ata os bolsos ou sandalias nos últimos tempos. Na Pinguela, a zoqueira desenvolveu todo o proceso de creación necesario para fabricar os seus particulares zocos.

Os estudantes tiveron ocasión de montar os seus propios, de decoración. Dirixidos por Elena Ferro, gozaron dun traballo manual dirixido a ampliar os seus coñecementos no ámbito do calzado.

"Os zocos que deseño representan a nosa identidade cultural e social", subliñou Elena Ferro nunha reflexión recollida polo propio centro. A dirección da Pinguela valorou a actividade como "moi intensa, pero creativa", e destacou a utilidade que tivo para "a familia profesional téxtil" do instituto.

FORMACIÓN. O centro monfortino de ensinanza fixo unha aposta clara polo sector do calzado e os complementos. De feito, incluíu na súa oferta educativa un ciclo de Formación Profesional (FP) Dual que comezou o ano pasado da man de dúas empresas locais de relevancia internacional, Calzados Losal e Curtidos Galaicos.

Por medio desta colaboración, os estudantes recibirán na Pinguela todo tipo de coñecementos teóricos relacionados coa profesión. Posteriormente, o alumnado terá a opción de aplicar o aprendido nas empresas, que poderán solventar o posible déficit de traballadores.

Comentarios