Naceu en trasar de Carballo, pero a vida levouno a estar moi vencellado a Pontevedra, onde deu clase 35 anos ata a súa xubilación no instituto Sánchez Cantón. O 25 de novembro recibirá o Billó de Ouro nunha comida no restaurante Río Búbal da Barrela, a capitalidade municipal de Carballedo.
Que sentiu cando lle comunicaron o premio Billó de Ouro?
Unha emoción moi grande. Vexo a lista de persoas premiadas antes e nunca soñei que este galardón puidera ser para min.

En concreto, é vostede natural de Trasar de Carballo. Vai por alí a miúdo?
Si, porque ata hai uns anos vivía a miña nai e teño alí irmáns e curmáns, algúns deles socios da explotación Os Parentes, que con máis de 300 vacas é unha das máis importantes da comarca. Grazas ao seu traballo, parcelas que doutro xeito estarían abandonadas mantéñense vivas. Deberían darlles a eles o Billó de Ouro.
No ano 2013 levou un Premio Nacional de Educación por un traballo sobre a aplicación das novas tecnoloxías nas aulas. Como poden axudar á hora de formar?
Teño que dicir que aquel foi un premio compartido coas miñas compañeiras Espe Gesteira e Charo Sánchez-Gabriel, que xa morreu. Fixemos unhas aplicacións con alumnos para moverse por Pontevedra ou relacionadas coa cultura galega. Non só levamos o premio nacional, senón tamén o seu equivalente en Galicia. Xubileime usando portátiles na clase. Se as novas tecnoloxías forman parte da vida, non ten sentido que non estean nas aulas, pero controladas, sempre baixo a tutela dos profesores. Non pode deixarse o alumno só e para iso cómpre non masificar as aulas.
É como é posible controlar iso?
O IES Sánchez Cantón de Pontevedra sempre tivo un alumnado moi abundante. O que eu facía era poñerme no fondo da aula, de tal xeito que vía todas as pantallas. Se alguén non estaba onde debía mandáballe apagar o ordenador. Na casa, os pais deberían facer exactamente o mesmo. O que nada soluciona é prohibir. Fala de clases con poucos alumnos.
Son mellores á hora de educar?
Está demostrado que as clases con menos nenos dan mellores resultados non fai falta ningún estudo para darse conta. Neses casos hai máis tempo para atender os alumnos de xeito individual.
Dende cando edita en Galipedia?
Dende o ano 2015, despois de xubilarme e por medio dun exalumno, Adrián Estévez, que é administrador da plataforma. Leveino a dar unha charla sobre Wikipedia e animoume a participar. Entrei coa miña muller. Ela adícase máis a corrixir e eu, a crear ou mellorar entradas. Principalmente traballo sobre lingua e literatura galega e procuro escribir sobre mulleres, porque se, por exemplo, hai dous cantantes, un home e unha muller, con carreiras semellantes, pasa a miúdo que sobre el hai tres veces máis texto que sobre ela. Tamén miro moito a xente nova.
Cantas entradas leva?
Dentro de pouco chegarei ás mil. Quero aclarar que este é un traballo voluntario. Nin cobras nin recibes nada a cambio da persoa de quen fas a entrada. Ademais obriga a ter un rigor, porque pode vir outro editor e corrixirche algo.
Novas tecnoloxías: "Se forman parte da vida, non ten sentido que non estean nas aulas, pero controladas e baixo tutela dos profesores"
Pode falarnos dalgunha entrada relevante que vostede fixera?
A primeira foi dun político, parlamentario do BNG, Luís Bará. Tamén de moitos xornalistas da TVG, coma Alberto Mancebo e a súa irmá ou Irene Lourido, ou de El Diario de Pontevedra, caso de Sara Vila. Todo hai que documentalo cunha biografía ou con ligazóns a traballos da persoa en cuestión. Relacionada con Carballedo elaborei a entrada de José Antonio Rivadeneira, que só tiña unha en alemán antes da Galipedia. Foi o bispo que trouxo a Carballedo a figura de San Pexerto, que se atopa na igrexa de Buciños e de quen tamén fixen eu a entrada.
Que saúde ten na súa opinión o galego coma idioma actualmente?
Ten a visibilidade que lle queiramos dar. Por unha banda, en determinados aspectos o galego vai cara a abaixo, por exemplo, no referente ás persoas monolingües, aquelas que vivían na aldea e só falaban galego de xeito totalmente natural, porque si. Iso xa non existe, porque todo o mundo fala como mínimo dous idiomas, galego e castelán. Pola outra, suceden cousas que eran impensables na miña infancia, como que o galego se use nas administracións ou en medios de comunicación, aínda que despois os parlamentarios ou os xornalistas empreguen o castelán na súa vida diaria. Claro que hai moito que mellorar e non parecen os dirixentes políticos moi interesados, pero si a sociedade, e proba diso é que Galipedia ocupa unha posición moi elevada na lista de páxinas consultadas, por diante de idiomas con moitos máis falantes.
Debe achegarse o galego ao portugués para sobrevivir?
Dende logo que si. Non teño claro se debemos usar a súa ortografía, como defenden os lusistas, pero si que o galego debería achegarse ao portugués á hora de crear palabras ou termos que non existen no noso idioma. Teño unha sobriña que estivo en Mozambique hai pouco e díxome que se comunicou perfectamente falando en galego e coñezo a unha persoa que atopou traballo en Londres porque podía falar cun brasileiro grazas ao galego. O portugués é a sexta lingua do mundo e deberiamos dominala. Tiña que haber moitos máis institutos nos que se ensinase.
É máis fácil ensinar ou falar diante de centros de persoas en ‘Luar’?
É moi diferente (ri). Se non pensaba no Billó de Ouro, menos no ‘Luar’. Chamáronme una vez e alguén me dixo que era posible que volvese. Fixen 36 programas nos que representamos unha clase de galego cos famosos invitados.