O heavy metal máis ribeirao

O grupo The Poet’s Silence meteuse no estudo durante a pandemia para sacar á luz 'Renacer', un traballo feito coa axuda do produtor Iago Pico. Foi un longo proceso de catro anos para ter na rúa este álbum co que a banda busca conquistar os amantes do rock.
undefined
photo_camera Os integrantes da banda de heavy metal The Poet's Silence. EP

Co comezo da pandemia, The Poet's Silence decidiu aparcar os concertos, mesmo cando se permitiu a súa volta nun formato adaptado, para centrarse na gravación de Renacer, o seu segundo disco, no que xa levaban un bo tempo traballando. Despois dun longo proceso de catro anos, o álbum xa está na rúa e o resultado ten máis que satisfeitos aos compeñentes desta formación.

Un dos mellores grupos que ten un xénero tan esixente e característico coma o heavy metal na Ribeira Sacra —de feito, o seu primeiro disco maquetouse nunha casa de Pantón— xa ten agora material para presentarlle ao público cando volvan subir a un escenario. "Como non vivimos desto, non temos ningunha présa por tocar. Imos agardar a que se poidan dar concertos en condicións, porque escoitar rock en directo sentado nunha cadeira é raro", di Javi GR, batería e fundador de The Poet's Silence no 2009 xunto ao guitarrista Xurxo Labrador.

Dende hai un ano e medio, todos os esforzos dos membros do grupo centráronse en acadar o mellor son posible en Renacer. Son oito temas e tres vídeos, un deles gravado na Ribeira Sacra, que saíron adiante coa colaboración de Iago Pico, produtor, por exemplo, de Tanxugueiras, un dos nomes máis importantes do actual panorama musical galego.

CAMIÑO. Non é doado para un grupo non profesional conseguir que un disco saia do estudo de gravación cara os oídos da xente. "Non é barato e esixe un investimento que moitas veces non se pode asumir", explica Javi GR, quen subliña que o máis importante, unha vez se completa todo o proceso, "é obter satisfacción persoal. E se despois é posible unha compensación económica, xenial".

Agora só queda o directo. E aí terá moito que ver a impactante posta en escena de The Poet's Silence

Pero ese paso é o segundo. O inicial é escoitar a música composta e facer unha fonda autocrítica para determinar se o que soa ten a suficiente calidade como para entrar con el no estudio de gravación.

Superadas estas dúas metas, os siareiros de The Poet's Silence poden agora descubrir as novas creacións en plataformas coma Spotify, Deezer, YouTube ou Amazon Music.

Os temas son os primeiros gravados pola formación actual, pois a banda cambiou moito respecto á primeira vez que colleu as guitarras, o baixo, a batería e o micro por primeira vez aló polo 2009, hai xa once anos, que se escribe pronto.

No 2019, o baixista Adrián Levices e o guitarrista Roberto Sarmiento contribúen ao potente heavy metal ribeirao de The Poet's Silence, completando un grupo do que xa formaban parte, ademais de Javi GR e Xurxo Labrador (os únicos que se manteñen dende os primeiros ensaios), o vocalista Sergio Varela.

Co selo de Pouland Studios, aquelas gravacións comezadas en febreiro do 2020 xa son un disco chamado Renacer. Agora só queda o directo. E aí terá moito que ver a impactante posta en escena de The Poet's Silence.

Comentarios