"Hai que coller con pinzas as intervencións no territorio, que é fráxil e ten realidades complexas"

Natalia Figueiras é natural de Esgos (Ourense) e integrante de Salvemos Rocas, entrou a formar parte do colectivo de asociacións e entidades do territorio motivada pola gran predisposición que dixo ver tanto na xente de Lugo como na de Ourense. A súa gran meta é darlle voz aos veciños nas diversas distincións da Ribeira Sacra
Natalia Figueiras, diante de Cabo do Mundo. EP
photo_camera Natalia Figueiras, diante de Cabo do Mundo. EP

É A primeira presidenta da recientemente creada Federación de Asociacións e Entidades Cívicas da Ribeira Sacra. O que viu nas reunións celebradas antes da súa constitución gustoulle e agora chama a traballar para poñer os habitantes da Ribeira Sacra no mapa do territorio.

Con que obxectivos entrou a formar parte da federación?

En primeiro lugar, coma integrante da plataforma ourensá Salvemos Rocas, unha das dúas que xurdiron para protexer o mosteiro de San Pedro de Rocas. De xeito paralelo apareceu a idea de agrupar a distintas asociacións que traballan pola Ribeira Sacra para aunar forzas. Todos e todas coincidimos en que este territorio é moi fráxil e ten unha realidade complexa, polo que as intervencións hai que collelas con pinzas. Reunímonos e comprobamos que a idea de xuntarnos e xuntar os coñecementos de cadaquén no seu eido era viable e magnífica.

Que se atopou nas reunións?

Moita vontade. Todas as persoas presentes amosamos unha predisposición moi voluntariosa, sen intereses particulares nin partidistas. Case non nos coñeciamos, só polo WhatsApp, pero sabiamos o que estábamos a facer. O noso nexo común son as gañas de traballar, sumar e propoñer. Tamén me encantou ver xuntas por primeira vez as provincias de Lugo e Ourense sen divisións, aínda que os ríos marquen unha separación xeográfica entre as dúas.

Percibía vostede que non había unión entre as provincias?

Quizais no referente á propia marca Ribeira Sacra non, pero finalmente notamos unha especie de carreira por ver quen o fai mellor. Esa competitividade vai en detrimento de cousas importantes.

Por que aceptou a presidencia?

Teño que dicir que levei unha grata sorpresa, xa que foi a proposta de bastantes persoas. Aceptei porque me gusta o grupo, a súa predisposición e o interese por traballar de xeito altruísta e voluntario, aportando o que cadaquén poida. Quixen corresponder. Se penso no meu traballo e o tempo do que dispoño, seguramente tería dito que non, como moita outra xente. Pero este xeito de facer gústame e compartimos o mesmo espírito.

Que lles di a xente sobre as ideas desta federación?

Notamos que a xente quere unha Ribeira Sacra con futuro e non sobreexplotada. Aclaro que non estamos en contra do turismo. De feito parécenos unha oportunidade magnífica para poñer os habitantes da Ribeira Sacra no mapa do territorio. Si hai que saber que todos os niveis de protección, incluído o Patrimonio da Humanidade, condicionará a nosa forma de vida e unha paisaxe cultural sen a xente, non é paisaxe cultural. A federación tenta darlle voz a todas as persoas.

Notaron pouco contacto das administracións coa xente á hora de elaborar as candidaturas?

Formei parte da exposición da candidatura a Ben de Interese Cultural (BIC) na parte histórica e podo dicir que as administracións resolven todos os problemas dentro. A federación está a favor tanto do Patrimonio Mundial coma do BIC, porque son recoñecementos que garanten que non existan alteracións na paisaxe, pero permanecerá vixiante para que non supoñan agresións para o territorio nin a vida das persoas. O turismo masivo é prexudicial e despraza outras actividades económicas.

Cre que o erro da primeira candidatura a Patrimonio Mundial puido estar nese pouco contacto?

As razóns polas que non triunfou son as que deu Icomos España e despois hai unha realidade interna que só a saben as administracións. O certo é que unha paisaxe cultural ten que ser transformada con respecto pola xente que a habita. Para min é unha débeda pendente integrar o tecido social en todos estes procesos.

Más en Ribeira Sacra
Comentarios