"Hai que cambiar especies e ordenar a superficie"

O xerente do GDR Ribeira Sacra - Courel, Martín Alemparte, di que hai unha maior concienciación tras os incendios e que os veciños amosaron a súa vontade mesmo a ceder terras para quen as traballe e lles saque rendemento
Martín Alemparte, gerente del GDR Ribeira Sacra - Courel. C.J.G. (AEP)
photo_camera Martín Alemparte, gerente del GDR Ribeira Sacra - Courel. C.J.G. (AEP)

O GDR Ribeira Sacra - Courel converteuse nun aliado imprescindible no desenvolvemento do territorio e segue artellando novos proxectos. O último que anunciaron está centrado na aldea courelá de Vilar, a máis afectada pola vaga de lumes do pasado verán.

En que consiste ‘Paisaxes intelixentes’?

A nosa idea é facer unha proposta técnica de recuperación para os terreos queimados, é dicir, determinar que variedades se deberían poñer, onde e por que. Imos intervir en parcelas modelo e temos un compromiso coa asociación de veciños para que eles se encarguen de mantelas.

En que punto está o proxecto?

Xa estivemos na zona cos técnicos da Asociación Forestal de Galicia e dun viveiro. Unha vez que analizaron o terreo e falaron coa xente de alí están estudando as condicións que se dan na zona e as orientacións para dar coa mellor solución.

Que ideas saíron desa primeira visita dos expertos?

Queremos plantar un pequeno souto que recolla todas as variedades de castiñeiro que se poden ver no Courel e que actúe como mostrario, a modo didáctico. Noutra zona temos previsto apostar por especies aromáticas propias do Courel que poidan dar lugar ao uso de plantas medicinais e traballaremos na plantación de árbores froiteiras, pois é unha zona onde se dá moi ben a cerdeira, por exemplo.

Como xurdiu esta iniciativa?

No marco dunha convocatoria para cooperación entre grupos de desenvolvemento rural. O obxectivo é que traballemos entre nós coa mesma metodoloxía e tecer redes. Unha das liñas que establecía a Xunta para iso era todo o relacionado coa mobilidade de terras, pois somos entidades colaboradoras de Medio Rural, así que nos pareceu que era unha boa idea, pois estaban os incendios do Courel moi presentes.

Como relaciona isto coa lei de mobilidade de terras?

Coa creación de cintos verdes nas contornas das aldeas para a súa protección fronte aos lumes. A idea do proxecto é que temos unha problemática diante e temos que concienciar e recuperar os arredores dos núcleos. Para iso, temos que cambiar especies, saber cales poñer e onde facelo, ordenar a superficie e, así, crear fraxas de seguridade.

Que máis aspectos recolle este proxecto?

Imos organizar faladoiros, para concienciar e divulgar, e ofrecer formación, en relación á produción e comercialización agroalimentaria asociada a produtos dos bosques, como o mel ou a castaña, por citar algúns.

Que outros grupos de desenvolvemento participan?

Deloa, que ten a súa sede en Padrón, e os de Terras de Compostela, Ordes e Costa da Morte. A idea é común, pero cada grupo adáptase ao seu territorio.

Por outra banda, recentemente pechou o prazo para pedir axudas do Leader. Como foi?

Recibimos 64 solicitudes. O proceso está aínda nunha primeira fase de lectura da documentación e envío de requirimentos.

Comentarios