Grazas Montero

El coleccionista monfortino Martínez Montero. TOÑO PARGA
photo_camera El coleccionista monfortino Martínez Montero. TOÑO PARGA

A primeira vez que entrei na casa de Montero (José Luis Martínez Montero) entendín que era un coleccionista auténtico, que non amoreaba cousas ao chou. Alí había orde, criterio, un fío condutor. Todo estaba arquivado, catalogado, tiña o seu sitio, estaba documentado. Ademais, que gran parte da súa colección fose en formato papel dáballe outro pouso, unha conexión directa co meu traballo, co meu mundo, co meu gusto.

De Montero aprendín moita historia de Monforte. Da súa man lin La corona de fuego e outros libros da cidade do Cabe aos que se non fora polo seu entusiasmo non lles tería metido o dente.

Todos os compañeiros de profesión de Monforte temos entrevistado e falado do Montero coleccionista. Supoño que todos valoramos a trascendencia da súa paixón e sabiamos que un día non ía estar.

Agora que non está penso nesas entrevistas, nesas páxinas, pero recordo aínda máis aquelas conversas no Oasis ou na mesma beirarrúa que sempre me abrían o camiño dunha nova reportaxe. Cada vez que o chamaba porque algo me bulía na cabeza, Montero sempre tiña un dato ou unha ilustración que lle daba outra categoría, un plus de calidade a calquera reportaxe.

Falo por min, pero creo que tamén o podo facer no nome dos meus compañeiros, ao suliñar que Montero era unha referencia, alguén que non dubidaba en mover Roma con Santiago para atopar aquel material que un precisaba. E facía o esforzo con gusto porque para él era un agasallo compatir o que tiña con todos.

Grazas Montero. Descanza en paz amigo.

A. Rodil. Delegación de El Progreso Monforte.

Comentarios