Grandes mulleres retratadas en Chantada

Catro alumnas e un alumno de primeiro de bacharelato do instituto Val do Asma realizaron para un traballo de clase as creacións, entregadas a 8 coñecidas emprendedoras rurais nun acto
As alumnas e o alumno autores dos retratos, coa súa profesora Lola López. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera As alumnas e o alumno autores dos retratos, coa súa profesora Lola López. MIGUEL PIÑEIRO

Ángela García Varela, Nerea Rodríguez Lage, Nara dos Santos dos Anjos, Ana Lamas Gómez e Brais Rey Calvo son os nomes das autoras e o autor dos orixinais retratos que oito mulleres emprendedoras no rural recibiron nun acto no auditorio de Chantada.

Foi unha actividade académica desenvolta no instituto Val do Asma e supervisada pola profesora Lola López que serviu non só como traballo de clase, senón para visibilizar a fantástica labor das mulleres nalgúns dos sectores máis importantes da comarca. A modo de sorpresa, as oito retratadas levaron para cadansúa casa as creacións despois de coñecer as debuxantes.

As obras inmortalizaron á docente e construtora Montse Fernández; a enóloga Esther Teijeiro; a poeta e gandeira Ana Vila; a propietaria da empresa Airoá Comunicación e presidenta da Asociación de Amigos de Manuel Jorge, Mercedes Vázquez; a impulsa da queixería Airas Moniz, Ana Vázquez; a deseñadora de moda e promotora da marca Dánae Mariño, Dánae López; a empresaria do turismo Luisa Rubines e a tamén enóloga Maira Ratón.

COLABORACIÓN. En realidade, os oito retratos non saíron só das clases de Debuxo Artístico de primeiro de bacharelato. Os estudantes do ciclo de formación profesional (FP) de Administración tamén puxeron o seu selo coas entrevistas que serviron logo a Ángela, Nerea, Nara, Ana e Brais para elaborar os retratos.

Noe Sánchez Fernández, André Eiriz Mosteiro, Jairo Fuente Camilo, Bruno Teixeira Regal, Luis Fernando Candio Macías, Alberto Manteiga Núñez, Mateo Fernández Pernas e Iván Costoya Ruiz, coordinados pola profesora Ana Fernández, son os alumnos da FP básica que elaboraron as entrevistas ás oito emprendedoras.

Logo as preguntas fixéronas os estudantes do ciclo superior, dirixidos pola docente Eva Fernández. Foron Leah Barrera Díaz, Antonio Blanco Covela, José Alfredo Caselas Martínez, Iván Lima Porto, Asma Oulbaraka e Biondia Siniscalchi.

As entrevistas graváronse e chegaron ás mans de Ángela, Nerea, Nara, Ana e Brais. En clase, a partir das imaxes, elaboraron os retratos, fixándose tanto nas faccións físicas das protagonistas como nos xestos e expresións.

O PROCESO. Ángela, Nerea, Nara, Ana e Brais implicáronse moito no proxecto. As tres primeiras mesmo investiron tempo libre nas fins de semana e festivos para ir ao instituto e avanzar nos retratos, coa fin de chegar a tempo á data escollida para a súa entrega, que foi a do pasado venres, coincidindo coa graduación de segundo de bacharelato no centro.

"Foi un traballo moi intenso e se faltaba a clase algún profesor tamén aproveitabamos para vir e avanzar nas obras, pero mereceu a pena", explicaron as alumnas, moi satisfeitas e ilusionadas co labor efectuado.

Tomaron fotografías das entrevistas gravadas e elaboraron bocetos en pequeño para desenvolver ben os oito retratos, que fixeron nunha aula de Debuxo que aínda esta semana, nos días previos, conservaba visibles restos do intenso proceso de creación realizado nas últimas semanas.

"O retrato que nos resultou máis complexo foi o de Mercedes, porque non puidemos ver a súa entrevista", explicaron as estudantes, fascinadas con todas as historias das oito emprendedoras. A máis impresionante para a clase foi a de Esther Teijeiro, pioneira ao ser unha das primeiras mulleres en adicarse ao mundo do viño. "É incrible que naqueles tempos puidera facer todo o que fixo", exclamaron, admiradas.

Ningunha das oito grandes mulleres retratadas coñeceu as creacións ata velas cos seus propios ollos nas paredes do auditorio municipal. Foi o colofón a tres semanas, con sábados e festivos incluídos, de duro pero gratificante traballo no IES Val do Asma.

Comentarios