sábado. 19.06.2021 |
El tiempo
sábado. 19.06.2021
El tiempo

O camiño da Ribeira Sacra para ser Patrimonio da Humanidade continúa

Presentación da candidatura da Ribeira Sacra no Museo do Prado. DP
Presentación da candidatura da Ribeira Sacra no Museo do Prado. DP

Tras o adiamento anunciado a semana pasada, Galicia presenta no Museo do Prado a candidatura ante os embaixadores do comité da Unesco

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou este martes no Museo do Prado de Madrid a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial ante os embaixadores do Comité da Unesco, do que forman parte 21 países. Trátase do primeiro paso na nova etapa da candidatura, que foi adiada como mínimo un ano para solventar algúns aspectos para fortalecela e lograr o obxectivo en 2022 ou 2023. 

Así o explicou o conselleiro nun acto no que estes representantes puideron coñecer o traballo técnico realizado, así como o labor de posta en valor a conservación desta paisaxe cultural. 

Neste marco no que tamén participou o embaixador de España ante a Unesco, Juan Andrés Perelló, o titular de Cultura salientou que tras a decisión de facer un aprazamento estratéxico da candidatura atendendo ás avaliacións e informes de Icomos, "Xunta e Estado mellorarán todo o que sexa preciso para dar o último paso con toda a forza e conseguir o si definitivo". "A Ribeira Sacra é un espazo único, cun gran valor incapaz de decepcionar a quen o visita, polo que manteremos vixente o compromiso", sinalou. 

"Xunta e Estado mellorarán todo o que sexa preciso para dar o último paso con forza"

Do mesmo xeito, apuntou que o obxectivo compartido co Goberno do Estado é intensificar o traballo da candidatura e seguir avanzando para facer da Ribeira Sacra "un territorio máis vivo, mellor coidado e máis recoñecido en todo o mundo". "A decisión de pospoñer os trámites finais é unha oportunidade para fortalecer o noso traballo e mellorar algúns aspectos para que poidamos acreditar coas máximas garantías os valores excepcionais da Ribeira Sacra". Para iso, tal e como apuntou,  apostarase por facer "as cousas ben, como ata agora, para chegar seguros e con paso firme e decidido á valoración final".

No evento tamén participaron a directora xeral de Bellas Artes do Ministerio de Cultura, María Dolores Jiménez-Blanco, e o director de Relacións Culturais e Científicas da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, Guzmán Palacios Fernández, en representación do Ministerio de Asuntos Exteriores. 

VALORES EXCEPCIONAIS. O responsable de Cultura da Xunta tamén aproveitou para sinalar que a Ribeira Sacra é unha paisaxe que conxuga “beleza, natureza e patrimonio” que é capaz de ofrecer unha experiencia cultural en si mesma. “Este é un territorio que destaca, precisamente, pola súa capacidade para conservar os seus valores excepcionais e que reflicte a transformación pausada e respectuosa do home sobre a terra”, engadiu. 

En paralelo ao traballo na candidatura, o Goberno galego continuará avanzando nos distintos plans que ten en marcha para este territorio como o Plan Ribeira Sacra, a folla de ruta dotada con 34 millóns de euros que inclúe a diversos departamentos da Xunta vencellados coa ordenación do territorio, a promoción turística ou a conservación do patrimonio e dos valores. Ademais, o obxectivo é complementar estas medidas co proxecto presentado aos fondos europeos Next Generation para actuar sobre este territorio e que aspira a captar 40 millóns.

O camiño da Ribeira Sacra para ser Patrimonio da Humanidade continúa
Comentarios