O galego, dende o instituto aos negocios

Responsables dalgunhas das moitas empresas e establecementos que se sumaron á iniciativa. IES VAL DO ASMA
O IES Val do Asma sumouse a unha campaña do centro coruñés Rafael Dieste para dinamizar o idioma entre alumnos e comerciantes

O Instituto de Educación Secundaria (IES) Val do Asma de Chantada é un dos centros de ensino de toda Galicia que se sumou á iniciativa #aquitamensefala, promovida dende A Coruña polo IES Rafael Dieste co obxectivo de promover o galego entre o alumnado e os comerciantes.

A campaña procura a visibilización do idioma na contorna, amosar que en Chantada e nos arredores fálase galego. Faino por medio do traballo dos estudantes, que son os que levan estas semanas os carteis que locen nos negocios. Aquí tamén se fala galego, pode lerse neles, amosando igualmente o apoio das empresas de proximidade á causa.

Responsables dalgunhas das moitas empresas e establecementos que se sumaron á iniciativa. IES VAL DO ASMA

"A meta é rachar coa imaxe de que en Galicia non se fala galego, implicando para iso a xente nova", explicou a coordinadora do equipo de dinamización lingüística do Val do Asma, Carmen Liz, quen valora moi positivamente o compromiso amosado polo alumnado do instituto, ademais do departamento de Lingua Galega.

Polos negocios

 A campaña é moi sinxela. Os estudantes acoden aos establecementos, fálanlles da iniciativa aos responsables e, se estes queren sumarse, alí queda o cartel. Deste xeito tamén se promove que se empregue o galego á hora de desenvolver a actividade comercial. "A práctica totalidade dos negocios din que si", afirma Carmen Liz.

Os carteis non se atopan só por Chantada. Tamén hai locais de Taboada e Carballedo, as dúas vilas veciñas, adheridos á campaña promovida nesta comarca polo Val do Asma.

Responsables dalgunhas das moitas empresas e establecementos que se sumaron á iniciativa. IES VAL DO ASMA

O seguinte paso, explica Carmen Liz, é darlle visibilidade aos negocios. Os seus responsables aceptan que se lles saque unha fotografía que logo o centro publica nos seus diferentes perfís nas redes sociais, coa fin de promocionalos como establecementos que apoian o galego.

Canto se fala

Carmen Liz ten desenvolto sempre a súa profesión en centros educativos situados en contornas rurais, por iso a súa experiencia no que se refire aos alumnos que se expresan habitualmente en galego é moi positiva. "Mantense unha boa porcentaxe e iso pode verse cada curso nas enquisas que preparamos, tamén entre os profesores", afirma.

É o seu segundo ano académico no Val do Asma, onde di que o índice de rapaces e rapazas que empregan o galego é máis que aceptable. Recoñece que o problema pode estar "nos centros das cidades".

Responsables dalgunhas das moitas empresas e establecementos que se sumaron á iniciativa. IES VAL DO ASMA

As porcentaxes son boas malia que cada vez "hai máis estudantes que veñen de fóra". Loxicamente, eles teñen máis dificultades para aprender o idioma e, como di Carmen Liz, moitas veces precisan que se lles cambie ao castelán.